"Fronte a quen propugna rescatar os poderosos causantes da crise, o BNG ten como prioridade rescatar a maioría social". A secretaria de organización do Bloque, Montse Prado, expresaba deste xeito este mércores as liñas que guiarán a campaña do Día da Patria que os nacionalistas desenvolverán este ano. Baixo o lema Rescata os teus dereitos a formación frontista desenvolverá actos en diversos puntos do país que culminarán, como é habitual, nunha manifestación o propio 25 de xullo en Santiago, un acto que, di Prado, será "unha proba máis do músculo" da formación.
Coa vista posta nas cada vez máis próximas eleccións galegas a configuración da dirección nacionalista xurdida da súa última Asemblea Nacional derivará en que desta volta o protagonismo na praza da Quintana sexa compartido polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e o candidato á Xunta, Francisco Jorquera. A súas serán intervencións que porán remate a, en verbas de Prado, unha "campaña diversa" para a que augura un "éxito" semellante á que, di, tiveron as mobilizacións do Día das Letras ou outros actos "na rúa e no interior" desenvolvidos nos últimos meses"
Montse Prado coida que os actos do 25 de xullo serán "unha proba máis do músculo" do BNG
"A militancia e a base social do BNG está cohesionada", explica a secretaria de organización dos nacionalistas. Sobre esta premisa a presentación da campaña deste ano realizouse "antes do habitual" cun "dobre obxectivo: chamar a unha participación masiva e explicar as propostas do BNG", centradas en apelar ao rescate "dos dereitos roubados" e a "facelo en bloque, de xeito colectivo". "Con esta campaña tamén queremos facer un chamamento a transformar a indignación en actuación" e "para iso", argumenta, "chamamos a esta Galiza que se move en defensa do ensino público, da sanidade, en contra da estafa das preferentes ou contra a reformal laboral a que se sumen ao proxecto do BNG".
Do mesmo xeito outra vertente da mesma campaña estaŕa centrada na recuperación de "dereitos colectivos para Galiza". "Estamos nun contexto no que hai unha clara recentralización no Estado español" que, na súa opinión, está avalada "tanto polo PSOE como polo PP" e provoca a perda "de máis soberanía en favor de poderes afastados e non democráticos". Por este motivo, conclúe, o Bloque "reivindica a soberanía para Galiza, para poder resolver os nosos problemas, conquistar o futuro e defender a nosa identidade nacional".