O BNG critica unha Constitución “esgotada e moribunda”

Acto celebrado polo Bloque este 6 de nadal © BNG

O BNG levou a cabo na mañá deste sábado en Compostela un acto público crítico coa Constitución española coincidindo co 36 aniversario da aprobación deste texto lexislativo e en defensa da soberanía de Galicia. Sobre un figurado texto da Constitución procedeuse á lectura dalgúns dos seus artigos, que foron simbolicamente arrancados para dar lectura a un texto alternativo que formaría parte dunha constitución galega.

Así, o artigo 2º, que proclama a “indisoluble unidade” da nación española foi substituído por outro que proclama a Galicia como estado baixo a fórmula de república democrática popular. O artigo 3º que consagra a supremacía do castelán, cede o lugar a un novo texto no que o galego pasa a ser o idioma propio de Galiciaa con toda as garantías. Tamén foi incluído o artigo 135, produto do pacto PP-PSOE para modificar a Constitución e sacralizar os obxectivos de déficit en detrimento do benestar social. “A prioridade absoluta do Goberno da Galiza é erradicar calquera caste de desigualdade social ou xénero”, respondeuse.

O Bloque proclamou que "nada hai que celebrar" no 36 aniversario dunha Constitución “esgotada e moribunda”. “É unha constitución que esgotou todas as súas posibilidades, esganada a mans daqueles que defenden un proxecto ultracentalista, unha constitución moribunda que non é capaz de dar resposta nin ás aspiracións dos pobos do Estado español, nin de resolver os graves problemas que padece a cidadanía”, sinalou o portavoz nacional, Xavier Vence. “Onde van os dereitos sociais ao traballo e a vivenda, ou mesmo dereito a saúde pública cuestionado polas privatizacións, que queda do proclamado sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede da clase traballadora?”, engadiu.

No acto, no que participaron os e as candidatas á alcaldía das principais cidades galegas, Vence denunciou o desmantelamento das caixas, engadindo que "agora veñen os bancos de fóra para espoliar o noso aforro". Vence preguntouse "que pode esperar Galicia se non está o BNG para defender os nosos intereses como demostramos hai uns días defendo o xeito?" e engadiu que "non estamos dispostos a consentir a estampa da Galiza sumisa que transmite Feijoo. Somos un País de primeira".

“Non é un día de celebración senón de reivindicación” para un país que como Galicia, “está sufrindo as consecuencias da degradación dun marco constitucional que acurrala o noso autogoberno e nos priva cada vez de máis competencias imprescindibles para o noso desenvolvemento, para a recuperación da economía e do emprego e tamén para a revitalización da democracia”, dixo.

O acto deste sábado estivo ligado á campaña iniciada polo Bloque baixo o título "Que non che coman o coco, temos un país de primeira" co obxectivo de "desmontar o discurso interesado dunha Galiza subsidiada dependente de papa Estado” que, engadiu, "difunde o PP e todos os que compran o discurso centralista de Madrid”. O BNG defende que "Galiza recibe menos do que aporta ao Estado vía impostos, como demostra a última balanza fiscal que mostra unha recadación de 7.213 millóns de euros fronte a un investimento de 5.891 millóns de euros" e denuncia que "o país recibe tres veces menos fondos europeos que Madrid, pese a que son para a cohesión territorial e a renda e as pensións galegas están á cola do Estado".

Engade que "en materia enerxética Madrid “é un burato negro” que absorbe a produción de electricidade, sen que as industrias ubicadas en Galiza se beneficien dunha tarifa eléctrica propia dun país produtor e exportador de enerxía". Ademais, destaca, "as autoestradas galegas, dependentes do Goberno central, encabezan a lista das máis caras, e viaxar de Ferrol a Tui case duplica o custe de viaxar a Madrid".

 

Galiza Nova chama a rachar a constitución

Ante a conmemoración da Constitución española, as mocidades do BNG realizaron o xoves un acto no que denunciaron "o sistema español profundamente corrompido, e que, ademais, é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer, como é o caso dunha media de 7 desafiuzamentos diarios na Galiza" e "por negar a soberanía do pobo galego e a lexítima capacidade de decisión do mesmo". Galiza Nova despregou unha bandeira galega de máis de 80 metros cadrados sobre a Ponte Romana de Ourense e realizou un mosaico de letras formando a palabra independencia.

Acto celebrado polo Bloque este 6 de nadal © BNG
Acto celebrado polo Bloque este 6 de nadal © BNG
Acto celebrado polo Bloque este 6 de nadal © BNG
Acto celebrado polo Bloque este 6 de nadal © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.