O BNG de Vigo esixe o cese inmediato da concelleira de Seguridade por “mentir” sobre o incendio das Travesas

Alexandra Fernández e Xabier P. Igrexas, durante a rolda de prensa deste luns. © BNG

O BNG responsabiliza a Xunta pola súa “inacción” ao non brindar alternativa habitacional ás familias vulnerables que residían de maneira precaria no inmoble incendiado

O Bloque Nacionalista Galego esixiu formalmente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o cese inmediato da concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por “mentir descaradamente” en relación ao operativo de bombeiros que interveu no tráxico incendio do pasado mércores na rúa Afonso X. Responsabiliza tamén a Xunta de Galicia pola súa “inacción” ao non brindar alternativa habitacional ás familias vulnerables que residían de maneira precaria no inmoble incendiado.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, compareceu este luns en rolda de prensa acompañado pola deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández, para afondar nos detalles do incendio das Travesas, que se saldou con catro mortes (3 delas de menores) e nove persoas feridas así como o desaloxo de todas as persoas residentes no edificio a semana pasada. O suceso “deixou en evidencia as graves deficiencias tanto no que ten a ver coa seguridade na cidade como tamén na insuficiente atención ás problemáticas sociais que subxacen neste suceso, tanto por parte do Concello como por pola Xunta”, indicou.

O incendio mortal tivo lugar na rúa Alfonso X O Sabio de Vigo. CC-BY-SA Praza.gal

Igrexas cualificou de “inaceptable” que a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, “mentise deliberadamente a toda a cidade e en presenza do alcalde” na rolda de prensa ofrecida o pasado mércores, e sinalou que os propios bombeiros e a súa representación sindical deixaron en evidencia as falsidades infames coas que a señora Rodríguez Calviño pretendeu fuxir das súas responsabilidades.

"Que tería pasado se se produce un segundo incendio noutro punto da cidade no mesmo momento? Quen ía decidir que vidas se salvan e cales non?", interpelou Igrexas

Considerou gravísimas e “unha ofensa á intelixencia” as manifestacións da concelleira nas que aseguraba descoñecer o número de bombeiros operativos no momento en que se produciu o incendio. “Eu mesmo coñecín desde pouco antes das 8 da mañá do propio mércores a cifra que confirmaron os bombeiros este venres: eran 17, dos que 16 se desprazaron desde os parques de Coruxo e Teis para interviren directamente na extinción e 1 quedou de retén atendendo a centraliña”, reprochou.

O portavoz municipal nacionalista afirmou que Rodríguez Calviño volveu mentir cando afirmou que os efectivos mobilizados foran os suficientes, tendo en conta que o seu Goberno definiu en 2010 como mínimo 20 e que nun recente informe subscrito polos xefes de servizo de bombeiros e de seguridade eleva a 23 a dotación operativa necesaria para atender con garantías situacións de emerxencia. “Hai unha pregunta que produce arrepíos simplemente formulala: que tería pasado se se produce un segundo incendio noutro punto da cidade no mesmo momento? Quen ía decidir que vidas se salvan e cales non?”, interpelou.

Igrexas defendeu que “as viguesas e os vigueses non merecen un Goberno municipal que diante dunha traxedia sen precedentes lles minta con todo descaro”. Polo que lle esixiu ao alcalde, Abel Caballero, “que esta mesma mañá cese a Patricia Rodríguez Calviño que non pode continuar nin un minuto máis como concelleira delegada da área de Seguridade” e que pida desculpas á cidadanía.

Problema estrutural

Desde o BNG denuncian que a insuficiencia de persoal no servizo de bombeiros non é unha circunstancia nova, senón que se trata dun problema que provocou a nefasta xestión de Abel Caballero que, lembran, leva 16 anos exercendo as responsabilidades de Goberno nas áreas de Persoal e de Seguridade.

Rúa Alfonso X O Sabio de Vigo onde o incendio do edificio acabou coa vida de tres menores e a súa nai na madrugada do 11 de outubro. CC-BY-SA Praza.gal

Alerta de que Vigo dispón dun cadro de persoal de bombeiros de 115 cando farían falla como mínimo 180 para dimensionar adecuadamente un servizo de emerxencias para unha cidade de 300.000 habitantes

Á inexecución das ofertas de emprego público, que fan que arestora haxa preto de 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar, engádese a negativa reiterada de explorar solucións a través do diálogo cos representantes sindicais dos bombeiros. A este respeito critican que o único que fixo Caballero diante do conflito foi impoñer un decreto ilegal que obrigaba a realización de horas extras e vulnerar o dereito a folga dos propios bombeiros con decretos de servizos mínimos que foron tombados pola Xustiza.

Esta situación, de falla de persoal, provocou que o pasado 17 de setembro, cando se produciu o incendio no Punto Limpo Municipal, por primeira vez na historia se tiveran que pedir reforzos de parques de fóra da cidade. Ademais, a falla de bombeiros impediu que puidesen colaborar no incendio rexistrado en Moaña o pasado 6 de outubro. E esta mesma madrugada volveu quedar en evidencia, cando no momento no que se producía un incendio nas instalación deportivas do Carme só había 14 efectivos dispoñíbeis. 

“Vigo sen bombeiros non é segura”, proclamou Igrexas, lamentando que Vigo dispón dun cadro de persoal de 115 cando farían falla como mínimo 180 para dimensionar adecuadamente un servizo de emerxencias para unha cidade de 300.000  habitantes e 110 quilómetros cadrados. Desde o BNG fan propia a advertencia que este mesmo domingo trasladaba o Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galiza: “Consentir que o Servizo de Extinción de Incendios se estea prestando en condicións inferiores ás establecidas implica que os responsábeis da prestación dos servizo sexan cómplices de calquera desgraza que cunha dotación de persoal axeitada se puidese evitar”.

O BNG interpelará a Xunta no Parlamento a respecto de por que non se lles ofreceron solucións ás familias afectadas e para que aclaren se teñen previsto adoptar algunha medida para evitar que algo así volva suceder

Inacción da Xunta

A deputada do Bloque no Parlamento galego, Alexandra Fernández, responsabilizou a Xunta pola súa “inacción” ao non brindar alternativa habitacional ás familias vulnerábeis que residían de maneira precaria no inmoble incendiado. “O que máis doe é que algo así non debeu ter sucedido. A situación na que se atopaba a familia [na que faleceron 4 dos seus membros] era coñecida polas administracións”, lamentou.

Fernández lembrou que o BNG xa advertira expresamente da situación no ano 2021, a través de diversas iniciativas no Parlamento galego nas que alertaban de que o desaloxo do poboado do Caramuxo ía afectar a 22 persoas, das que 11 eran menores, e que quedaban nunha situación de extrema vulnerabilidade. “A Xunta do Partido Popular mirou para outro lado. Negouse a ofrecerlles vivenda pública cunhas rendas asequibles”, reprochou, lembrando que o “dereito a vivenda é un dereito básico que a Consellaría debe garantir, sobre todo cando falamos de menores”.

Flores en recordo das catro persoas falecidas no incendio de Vigo. © Os Ninguéns

“A familia de Rosana e os seus tres fillos –Ezequiel, Aldara e Sara–, non debían estar nunha situación de perigo por non teren recursos suficientes para acceder a unha vivenda e por non recibiren unha alternativa habitacional pública”, enfatizou.

A deputada anunciou que a vindeira semana o BNG interpelará ao Goberno de Alfonso Rueda no Parlamento de Galicia a respecto de por que non se lles ofreceron solucións ás familias afectadas e para que aclaren se teñen previsto adoptar algunha medida para evitar que algo así volva suceder. “Este suceso, tan tráxico, ten que ser un punto e final ao abandono das políticas públicas de vivenda por parte da Xunta do PP”, reclamou.

Desde a fronte nacionalista urxen un “xiro radical” nas políticas de vivenda do executivo galego, lembrando que se manteñen situacións de vulnerabilidade na cidade como a do poboado chabolista da Salgueira, con familias e menores que non teñen acceso a luz nin auga e nunhas condicións alto de risco.

Fernández criticou que a Xunta deixase sen executar o pasado exercicio 150.000 euros da partida de apenas 370.000 destinada para actuar en casos de infravivenda e que o investimento para a promoción de vivenda pública protexida se situase en apenas tres millóns de euros en toda Galiza o pasado ano, cando hai máis de 9.500 familias demandando vivenda pública en réxime de alugueiro.

“As políticas de vivenda pública deben ser unha prioridade do Goberno galego. Para o BNG é un tema central. Queremos impulsar un novo modelo para que en 2040 o 5% das vivendas galegas sexan de promoción pública, fronte ao actual 0,3%, para evitarmos que nunca máis unha familia se atope na situación de extrema vulnerabilidade que, infelizmente, vivían Rosana e os seus tres fillos”, reivindicou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.