Ou rectificación ou expulsión. A Executiva Nacional do BNG vén de facer público que a dirección da formación frontista se "ratifica" na súa oposición á moción de censura no Concello de Cee, apoiada polos seus tres concelleiros xunto ao PP dese municipio para desaloxar da alcaldía ao independente Ramón Vigo, presuntamente implicado no caso Orquesta. Unha semana despois de lanzar unha primeira advertencia nese sentido, varios membros da Executiva do Bloque mantiveron hoxe un longo encontro cos edís ceenses e, tras esa xuntanza, pesa aínda con máis forza sobre eles a sombra da expulsión.
Neste contexto, a dirección frontista agardará a facer efectiva as expulsións a que "se faga efectiva" esa moción de censura. Se a expulsión se producise antes a moción de censura podería chegar a dificultarse a súa propia realización, xa que, ao ser desautorizada pola forza política de tres dos edís promotores, poderían activarse os mecanismos establecidos na Lei Electoral para casos de transfuguismo.
Baixas en Chantada
Esta advertencia de expulsión prodúcese na mesma xornada en que os tres concelleiros do Bloque en Chantada anunciaron a súa intención de darse de baixa de militancia, se ben continuar traballando "co programa electoral" co que concorreron aos comicios municipais de maio de 2011, tras os que os nacionalistas quedaron como segunda forza do municipio lugués.
A través dun comunicado os concelleiros explicaron que a súa intención é "seguir aplicando o programa electoral, respectando a decisión da cidadanía", xa que, afirman, o resultado electoral supón un "contrato" cos veciños de Chantada ata o remate do mandato.