O plan de cobertura das eleccións europeas que rexe na Radio Televisión de Galicia outorgáballe ao BNG 27 segundos dentro dos cinco minutos que dura cada bloque de información electoral nos informativos da TVG e da Radio Galega, repartido en función dos resultados dos anteriores comicios. O partido UPyD, que en 2009 obtivo no país algo menos de 15.000 votos fronte aos 103.000 do Bloque, consideraba que ese espazo lle correspondía e por iso emprendeu un litixio ante a Xunta Electoral, que vén de resolver considerando que a formación de Rosa Díez non ten dereito a esa fiestra informativa a cal, en todo caso, si lle debe ser arrebatada á formación galega. A decisión é, en verbas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, "a pinga que reborda o vaso" e por iso se dispoñen a tentar freala no Tribunal Supremo.
Vence e a candidata da formación ás eleccións do 25-M, Ana Miranda, anunciaban a decisión este mércores ao pé da catedral de Santiago, ante a que despregaron unha faixa co lema Non á censura ao BNG. Non nos calarán e unha gran bandeira galega con estrela. Acompañados por dirixentes nacionalistas e simpatizantes Vence e Miranda apuntaron que a súa intención é pedirlle ao alto tribunal "medidas cautelarísimos para que se paralice este acordo", un feito que "non podemos permitir os demócratas, que cremos que as campañas teñen que ser para que a cidadanía teña dereito a coñecer todas as alternativas".
"Non poden silenciar ao BNG", di o líder nacionalista, dende cuxo punto de vista a decisión da autoridade electoral non só supón negarlle ao Bloque o acceso aos medios públicos, senón que tamén é "un atentado á democracia" e á autonomía galega. "É unha intromisión intolerable da Xunta Electoral Central no espazo autónomo galego" e, "no fondo -di Vence- están negando o espazo político da autonomía deste país". Pero "non imos aceptar que nos calen".
Miranda coida que este "peche informativo" nos "devolve aos tempos do franquismo"
Na mesma liña, Miranda interpreta que a exclusión do BNG é "silenciar as ideas" das persoas que o apoian e tamén de quen "apoia a liberdade de expresión, un dereito fundamental". "Estamos sufrindo unha censura que nos devolve aos tempos do franquismo", un "peche informativo" que, dende o seu punto de vista, debería ser tido en conta por "todos os demócratas para que nos apoien o domingo". Eses apoios, di, xa lle están chegando á formación frontista ao longo deste mércores, tanto dende Galicia como dende fóra dela. Nesta liña, ao longo da xornada representantes políticos como a candidata de AGE, Lidia Senra, o coordinador de Anova, Martiño Noriega, ou o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, expresaron a súa "solidariedade" co BNG.
Vence subliña que UPyD reclama "respecto para as forzas minoritarias" pero só "para as españolistas"
Todo isto, agrega Xavier Vence, sucede nun contexto no que o partido de Rosa Díez está, no ámbito do Estado, a reclamar "respecto para as forzas minoritarias", aínda que só para "as españolistas, único ámbito que están dispostos a recoñecer". Por iso "van a por todas contra as forzas que contestan o centralismo, contra unha forza nacionalista coma esta". A intención última, lamenta, non é outra que "silenciarnos, amordazar unha alternativa que lle resulta molesta ao españolismo" e, de paso, "enlamar o proceso electoral".