O BNG logra no Congreso que se modifique a lei de Portos para respectar a toponimia galega

O deputado do BNG Néstor Rego na súa intervención no Congreso para solicitar o respecto da toponimia na lei de Portos CC-BY-SA BNG

O Congreso terá que tramitar agora o cambio lexislativo para garantir que se preserva a toponimia oficial na cartografía das capitanías e os distritos marítimos de Galicia

O Bloque Nacionalista Galego consegue que o Congreso admita a trámite unha Proposición de Lei para modificar a lexislación vixente para garantir que sexa respectada a toponimia oficial na cartografía das capitanías e os distritos marítimos de Galicia. O seguinte paso será a tramitación deste engadido ao texto lexislativo por parte do Cámara, unha modificación que despois terá que aplicar o Goberno do Estado. 

O deputado Néstor Rego defendeu a modificación da Lei de Portos do Estado e a Mariña Mercante baseándose en que a Lei de normalización lingüística galega recuperou "oficialmente a toponimia propia en 1983" despois de "máis de 500 anos de intentos de castelanización da nosa sociedade e da nosa onomástica, da nosa antroponimia, hidronimia e toponimia".

Rego explicou que a normativa legal que se aplica para regular as capitanías e os distritos marítimos "aínda a día de hoxe" emprega unha "toponimia deturpada que afecta mesmo ás matrículas das embarcacións en provincias marítimas como a de Vilagarcía". "Temos que traer aquí a debate algo que debería ser motivo de vergoña: que a Administración do Estado cumpra a lei, en relación coa nosa toponimia", salientou desde a tribuna.

El Ferrol, Santa Eugenia de Ribeira, Isla de Arosa ou Isla de la Toja son algúns dos exemplos que citou Rego

A iniciativa defendida polo deputado do BNG contou co voto favorable de todas as forzas políticas da Cámara estatal, agás Vox e C's, que se manifestaron en contra. "El Ferrol, Santa Eugenia de Ribeira, Isla de Arosa, Isla de la Toja ou Isla Quiebra", son algúns dos exemplos que citou Néstor Rego deses topónimos que legalmente non existen pero que, de facto, aínda se están a empregar. 

O BNG lembra que esta "é unha vella demanda da sociedade galega" e que xa foi obxecto de debate en dúas ocasións: "Unha Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento en 2006 e unha Proposición de Lei tamén unánime, enviada ao Congreso en 2008".

"Galiza ten unha inmensa riqueza toponímica derivada da nosa peculiar forma de habitar o territorio. En extensión Galiza representa 6% do Estado español, mais posúe case o 60% dos núcleos de poboación –exactamente 58,6%–, segundo o INE, máis de 61.000 núcleos", sinalou o deputado nacionalista, para engadir que "todos eles teñen nome, igual que cada parcela de terreo, por moi pequena que sexa, de medio ferrado ou de 30 metros cadrados". 

Vista aérea do Porto de Vigo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.