O BNG encheu este domingo o Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto que presentou os seus candidatos e candidatas para as eleccións ao Congreso e Senado do 28 de abril e tamén para os comicios municipais e europeos do 26 de maio.
O BNG presentou os seus candidatos e candidatas para as eleccións do 28 de abril e tamén para os comicios municipais e europeos do 26 de maio
Conducido por Isabel Risco e Quico Cadaval, o encontro abriuse coa intervención da candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, para dar paso aos discursos das alcaldesas de Allariz e Moaña, Cristina Cid e Leticia Santos.
Seguiu a presentación das cabezas de lista pola Coruña (Francisco Jorquera), Lugo (Rubén Arroxo), Ourense (Luís Seara), Pontevedra (Miguel A. Fernández Lores), Santiago (Goretti Sanmartín), Ferrol (Iván Rivas) e Vigo (Xavier Pérez Igrexias). E, finalmente, interviron as persoas candidatas ao Congreso: Nestor Rego pola Coruña, Maite Ferreiro por Lugo, Iago Tabarés por Ourense, e Carme da Silva, por Pontevedra.
Pontón dixo estar convencida da "remontada" do Bloque, que está "nun avance imparable"
A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, dixo estar convencida da "remontada" do Bloque, que está "nun avance imparable". “O BNG emerxe con forza, con solidez e claridade de ideas, e por iso moita xente está mirando cara nós como a esperanza dun futuro mellor. Estamos nunha moi boa situación para dar un grande salto adiante, fagámolo posible”, salientou.
Pontón destacou que o BNG ten "as portas abertas a todas as persoas que queren forzas propias" e que "levan Galiza na cabeza e no corazón”. Engadiu que nas eleccións do 28 de abril “a elección non está entre unha dereita votada ao monte e unha esquerda que non foi capaz de derrogar nin a LOMCE, nin a Lei mordaza, nin as contrarreformas laborais. A elección é Galiza si ou Galiza non".
"O voto as forzas estatais é o voto máis inútil para Galiza”, dixo
Ana Pontón sinalou o "dobre valor" do voto ao Bloque, "garantía de defensa dos intereses dos e das galegas sen ataduras nin subordinacións e, ao mesmo tempo, muro de contención contra á involución democrática". Pontón clamou así mesmo contra o "voto útil". "O voto as forzas estatais é o voto máis inútil para Galiza”, engadiu.