O BNG presenta unha batería de preguntas no Congreso sobre o accidente de Angrois

Restos dun dos vagóns accidentados CC-BY contandoestrelas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, presentaron este luns en rolda de prensa a batería de iniciativas presentadas no Congreso dos Deputados que busca "esclarecer as verdadeiras causas e os interrogantes" do accidente ferroviario do Alvia en Angrois. “As declaracións contraditorias dos presidentes de Renfe e de Adif e as medidas de seguridade que se están adoptando poñen de manifesto que esas medidas de seguridade non estaban adoptadas, por iso é necesario botar luz sobre todos os factores”, sinalou a deputada do BNG.

A deputada do BNG expuxo a proposición non de lei presentada para que os membros desta comisión sexan nomeados polo Pleno do Congreso e non polo Ministerio de Fomento

“As causas deben aclararse con veracidade, obxectividade e transparencia para que non volva acontecer nada igual”, sinalou Rosana Pérez, quen engadiu que esta comisión debe estudar, entre outras cuestións, o trazado do lugar do sinistro e os cambios de velocidade estipulados, a posibilidade de mellora dos sistemas de seguridade ou a idoneidade de aumentar a dous o número de maquinistas responsables de dirixir a locomotora. Ademais, a deputada do BNG expuxo a proposición non de lei presentada para que os membros desta comisión sexan nomeados polo Pleno do Congreso e non polo Ministerio de Fomento. A finalidade, salientou Rosana Pérez, pasa por garantir o rigor absoluto, a pluralidade e a independencia desta comisión de investigación.

Pola outra banda, a deputada do BNG presentou unha serie de preguntas escritas sobre relativas aos sistemas de seguridade ASFA e ERTMS do tren Alvia que une Galicia con Madrid. “Cos datos que imos coñecendo das caixas negras e coas informacións de profesionais ferroviarios queda claro que a seguridade era moi mellorábel”, apuntou Rosana Pérez, quen engadiu que “non entendemos como ano e medio despois da inauguración do tramo de alta velocidade en que tivo lugar o sinistro non se adoptasen as medidas oportunas para que operase o ERTMS”.

Tamén presentou o BNG no Congreso unha serie de preguntas sobre o trazado do tramo en que aconteceu o fatídico sinistro. “Non considera o Ministerio que se trata dun tramo perigoso ou de risco para a condución? Non debería haber sistemas de seguridade reforzados, como semáforos e sinais de velocidade? Non resulta demasiado brusco e arriscado reducir nun espazo tan curto a velocidade?”, apuntou Rosana Pérez.

 

Vence reclama eleccións despois do verán

O portavoz nacional do BNG acusou o Goberno central de ser "refén dos intereses do Partido Popular e dos seus financiadores"

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG acusou o Goberno central de ser "refén dos intereses do Partido Popular e dos seus financiadores". Pediu a convocatoria de eleccións para despois do verán e "restaurar a lexitimidade democrática" porque “un Executivo corrupto, como este, non pode gobernar”. “A situación é insostíbel e irrespirábel”, salientou Vence, quen advertiu do “baño de cinismo e mentiras” da comparecencia de Rajoy. “Este baile de máscaras, de falsidade e de cinismo do PP está a indignar a cidadanía, que avoga por romper con esta situación”, apuntou. “Cómpre darlle voz ao pobo para acabar coa podremia que deturpou os últimos procesos electorais”, engadiu. Xavier Vence finalizou a súa intervención chamando a “recuperar a democracia secuestrada”.

Obras da liña de alta velocidade en Angrois © Rusty_Chicken2011

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.