O Bloque aposta pola legalización da marihuana. O BNG propón revisar a nivel europeo "o predominio da política prohibicionista sobre drogas" e "avaliar as consecuencias e resultados acadados ata agora nesta materia", ao tempo que propón "apostar por unha nova política na que se valoren alternativas como a distribución controlada da marihuana". Así o asegura nun comunicado feito público este sábado.
O Bloque pide "apostar por unha nova política na que se valoren alternativas como a distribución controlada da marihuana"
A proposta do BNG de legalizar a distribución da marihuana, -incluída no seu programa electoral aos comicios europeos do 25 de maio-, xa está en práctica en outros países, tanto con fins terapéuticos como recreativos, empezando polo caso máis referencial de Uruguai, pasando por Holanda ou os estados de Washington e Colorado.
"A marihuana debería recibir un tratamento similar ao alcohol e ao tabaco, ambos os dous legalizados", di a formación nacionalista
O BNG considera que a marihuana "debería recibir un tratamento similar ao alcohol e ao tabaco, ambos os dous legalizados, comercializados e distribuídos controladamente, coa fiscalidade correspondente". No seu programa electoral, o Bloque tamén propón "integrar a política de drogas na política xeral de consumo e sanidade, mellorar a situación dos adictos e adictas e das súas familias, e incrementar os programas dirixidos a facilitar aos drogodependentes o abandono da súa adicción".