Tras a anterior maioría absoluta do BNG, o 26M deixou os nacionalistas como forza máis votada pero empatada a 3 concelleiros co PSdeG, ao que ofreceron un pacto de goberno, e PP, que reclama o apoio dos socialistas
O candidato do PP á alcaldía de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, asegura que a Xunta acometerá diversas actuacións nese concello só se el é alcalde que resulte investido este sábado. Preguntado por esas declaracións do candidato popular, o Goberno galego desenténdese e limítase a asegurar que eses anuncios e compromisos non saíron da Xunta.
En Castrelo de Miño gobernaba ata agora o BNG con maioría absoluta, pero o 26M deixou a Corporación dividida a partes iguais en 3 concelleiros nacionalistas, 3 populares e 3 socialistas. O BNG foi a formación máis votada e como tal levará a alcaldía se non se produce un pacto entre PP e PSdeG. Os nacionalistas ofreceron un posible acordo aos socialistas, pero os populares reclaman a estes últimos que apoien a investidura do seu candidato, Avelino Pazos.
"Iso non saíu de aquí", é a resposta da Consellería de Medio Ambiente, que nin confirma, nin desminte, nin descarta que o anunciado polo candidato popular sexa certo
O pasado mércores Faro de Vigo publicou que Pazos recibiu o compromiso de varios departamentos da Xunta de acometer diversas obras no concello se el é o investido finalmente alcalde, e o mesmo reproduciu o xoves La Región. O propio Pazos publicou o mércores no seu perfil de Facebook unha imaxe súa no despacho da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, indicando de que os investimentos autonómicos non chegarán a Castrelo en calquera caso senón “vinculado a que o vindeiro sábado sexa elixido alcalde”.
Este diario preguntou á Consellería de Medio Ambiente polas declaracións do candidato popular e o departamento autonómico desentendeuse das mesmas. “Iso non saíu de aquí”, é a resposta dunha portavoz oficial que nin confirmou, nin desmentiu, nin descartou que o anunciado por Ares sexa certo.
Na campaña Feijóo prometeu obras da Xunta en Viveiro e Carballo se gañaban os candidatos do PP e o Goberno galego adaptou a súa axenda oficial aos intereses locais dos populares.
As declaracións do candidato do PP en Castrelo prodúcense despois de que na pasada campaña electoral o propio Feijóo prometese obras da Xunta en Viveiro e Carballo se gañaban os candidatos do PP e de que previamente o Goberno galego adaptase a súa axenda oficial aos intereses locais dos populares. Finalmente en Carballo volveu gañar o BNG con maioría absoluta e en Viveiro os socialistas volveron repetir como forza máis votada co mesmo reparto de escanos fronte ao PP, 8 a 5.