A apenas catro días de que a dirección galega do PP presente nun acto presidido por Feijóo as súas candidaturas para as municipais de maio, os populares de Lugo tentan apagar os dous incendios internos que arderon con intensidade nas últimas semanas. Un deles é o de Monforte, cuxo novo candidato á alcaldía, Miguel Lemos, se encomendou a Deus na súa presentación oficial para procurar reconducir a situación interna, marcada pola dimisión de quen ata agora foi a súa líder, a tamén deputada Julia Rodríguez.
A tensión con Rodríguez non é nova. Remóntase a hai meses, cando transcendeu a intención da dirección provincial, que preside Elena Candia, de designar como candidato ao empresario Roberto Eireos, que renunciou apenas quince días despois de ser elixido, a mediados do pasado novembro -nos últimos días o PP de Pantón confirmou que continuará como edil nesoutro municipio-. O cisma culminou coa designación de Miguel Lemos por parte da dirección provincial contra o criterio do comité electoral monfortino, tras a cal Julia Rodríguez dimitiu como presidenta local.
O novo candidato do PP de Monforte presenta o seu compromiso como "inalienable" e "transcendental" despois da dimisión da anterior candidata e presidenta local, Julia Rodríguez, afastada da candidatura pola dirección provincial
Lemos, que fora número 7 da lista do PP de Monforte nas municipais de 2015 -os conservadores obtiveron 5 representantes neses comicios- di agora lamentar que, "tristemente", na vida política "abondan quen dividen" mentres que "eu, honestamente e humildemente, veño a unir". Non ten, di, "afán de liderado e mando", só de "servizo á comunidade" e por iso acepta a "encomenda" de ser candidato e presidir a xestora do partido en Monforte ata as vindeiras eleccións.
O seu compromiso, proclamou en presenza da líder provincial e do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, é "inalienable", tamén "transcendental". E por iso, "coa axuda de Deus e de todos vós", dixo ao público asistente, "faremos posible un PP gañador". Candia, pola súa banda, considero unha "sorte" contar con Lemos para a candidatura nunha localidade como Monforte, onde "o PP é o partido que cita tras cita elixen os cidadáns", asegura, se ben nas municipais de 2015 foi o terceiro partido en votos e non logra o goberno dende 2003.
Sen candidatura e con só dous de cinco edís en Viveiro
A dimisión de dous concelleiros en Viveiro súmase á doutra edil o pasado novembro, que marchou como protesta pola xestión da Xunta nos asolagamentos que afectaron á vila
A outra principal fronte aberta para a dirección provincial do PP de Lugo é Viveiro. Alí o pasado martes ratificaron a súa dimisión como concelleiros o ata agora presidente local, Antonio Bouza, e mais a edil Cristina Goás. Segundo fontes citadas polo xornal El Progreso, aínda que a razón oficial das dimisións son motivos "persoais", por tras do movemento están a discrepancias coa cúpula de Candia polo proceso de confección da lista para as eleccións de maio. Estas dimisións únense á asinada o pasado novembro pola concelleira María Jesús Vale, que quixo así expresar a súa discrepancia coa xestión que a Xunta fixo das inundacións que afectaron a Viveiro.
Á espera de coñecer quen será a persoa que encabece a lista do PP de Viveiro, dos cinco membros do seu grupo municipal na vila elixidos en 2015 só quedan dous: Celestino García e o tamén deputado no Congreso Jaime de Olano, moi próximo á dirección de Pablo Casado. Así e todo, Elena Candia restaba o pasado martes importancia aos enfrontamentos internos e aseguraba que o PP presentará candidaturas en todos os concellos da provincia de Lugo e chamaba a poñer o foco nas xa ratificadas. Unha das últimas foi a do vilalbés Agustín Baamonde, que tras o regreso á vida municipal en 2016 optará a revalidar a alcaldía da capital da Terra Chá.