O caso Bárcenas axítalle as augas parlamentarias a Feijóo

Feijóo, durante a sesión de control CC-BY-SA Praza Pública

Primeira sesión de control do curso e primeira liorta a conta do caso Bárcenas. Vinte e catro horas despois de que o PP vetase por enésima vez a petición de toda a oposición para que o presidente comparecese en pleno sobre o financiamento do seu partido Feijóo tívose que enfrontar a preguntas sobre o mesmo asunto. Foi na quenda da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, para quen este caso non é o dunha "mazá podre", o ex tesoureiro. O que está "podre" é toda a "cesta", o PP, e por  iso o presidente debe "ter valor, dicir a verdade, comparecer e esclarecer a súa corrupción, non a de Madrid, a súa", toda vez que di, os datos que transcenderon nos últimos meses falan de financiamento irregular do partido conservador en Galicia. 

A parlamentaria de Alternativa observa "unha forma de Goberno corrupto" sobre a que Feijóo ten que responder. Diante dela, un irritado presidente optou, en primeiro termo, por desdeñar as informacións xornalísticas: "vostede cita un xornal que se fai eco dunha noticia" sobre "documentos supostasmente entregados, doantes supostos, contratistas supostos e suposta documentación". "Ese documento suposto nin o vimos, nin o fixemos nin o temos", afirma, en referencia ao informe do ex xerente do PPdeG, Modesto Fernández, que segundo El País rexistrou as doazóns opacas en 2006, cando Feijóo xa dirixía o partido. Ademais, abonda, cuestionar a concesión de obras públicas equivale a "poñer en dúbida o traballo de moitos empregados públicos".

Díaz acusa a Feijóo de "cobrar en B", o presidente recrimínalle que non pregunte polos ERE de Andalucía

Ante a falta de respostas, Díaz endureceu o discurso. "Compareza, vostede que presumía de criticar o que facía o PP co caso Bárcenas", reta, para despois concluír que "o que sucede é que non ten credibilidade" porque, acusa, "que credibilidade vai ter un presidente que cobra en B, que fai todo tipo de corruptelas para manterse no poder?". Coa bancada popular incendiada e mesmo algún membro do Goberno, como a conselleira Beatriz Mato, increpando a Díaz, a deputada de AGE esixiu saber se as empresas que presuntamente doaron cartos irregularmanente ao PP "seguen a colaborar en Galicia".

"É unha pena que is galegos non saiban todo o que vostede di nesta Cámara; canto máis fale, máis llo agradecerá o Goberno e o PP", retrucou Feijóo antes de botar man de hemeroteca para reler diversas críticas lanzadas por el mesmo contra Bárcenas. Obviando o veto ás comparecencias el aseugra que vai "responder a todas as preguntas que me queira formular", se ben conclúe cunha censura contra AGE, xa que considera unha "vergoña" que Yolanda Díaz fale do caso Bárcenas mentres se investigan casos de suposta corrupción no Goberno andaluz (PSOE-IU). "Non se burle dos cidadáns protexendo os ERE fraudulentos en Andalucía". "Aí -critica- non hai preguntas" de Alternativa. A sesión concluíu e a tensión quedou no hemiciclo en case todos os casos: "Vémonos fóra!", espetoulle unha alterada Beatriz Mato a Yolanda Díaz.

Feijóo, durante a sesión de control CC-BY-SA Praza Pública
Díaz denuncia que Mato a está a increpar CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.