O próximo martes comeza na Audiencia Provincial de Lugo o xuízo do denominado caso Campeón, o primeiro que afectou á Xunta de Feijóo e que ten entre os seus acusados a quen foi director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela, e o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián. Xunto a eles, sentarán no banco outras once persoas, a maioría empresarios encabezados polo líder da suposta trama de desvío de subvencións públicas, Jorge Dorribo. Porén, o Goberno galego só acusa os empresarios e renunciou a facelo tamén contra os ex-cargos do PP e outros dous funcionarios autonómicos, como si fai a Fiscalía. Ademais, a sesión do martes estará dedicada a cuestións previas e nela os acusados tentarán anular algunhas das principais probas do caso e, segundo varios medios locais, chegar a acordos previos que eviten a continuación do xuízo prevista para o 24 de outubro.
O martes celébrase a primeira sesión, dedicada ás cuestións previas, da causa que senta no banco a 13 persoas, entre elas o ex-deputado do PP Pablo Cobián e o ex-director do Igape, Joaquín Varela
O caso Campeón estourou en 2011 e investigou a presunta trama creada en torno do empresario lucense Jorge Dorribo para, entre outras cuestións, obter subvencións públicas de xeito ilegal. Créditos públicos apoiados en facturas falsas e co ex-deputado Pablo Cobián como intermediario, falsidade, subornos, branqueo ou delitos contables salpicaron unha prolongada investigación que toca de cheo a quen foi director do Igape, Joaquín Varela, detido ao comezo do proceso. Xunto a el é xulgado tamén o ex-subdirector de información do ente público, Carlos Silva, e a responsable de Financiamento da entidade, Cristina Quintela. Os tres, Varela, Silva e Quintela, terán que responder de presuntos delitos contra a Facenda Pública, os mesmos que se lle imputan a Cobián, acusado ademais de tráfico de influencias e suborno, o que eleva as penas solicitadas contra el a uns nove anos de cárcere.
A lista de supostos delitos cometidos por Dorribo é máis ampla. A Fiscalía acúsalle de ata oito en diferentes modalidades: delinquir contra a Facenda pública, falsidade en documento mercantil, suborno, branqueo de capitais, delito contable e insolvencia punible. Na súa calidade de acusación particular a Xunta impútalle ademais a falsificación de certificados. O resto das persoas acusadas polo Ministerio Público e a Administración autonómica son responsables ou empregados da empresa de Dorribo e doutras coas que traballaba, como a construtora Proitec.
Feijóo rebaixou a importancia do caso no que atinxe aos funcionarios públicos a “unha mala xestión” sen ver neles “responsabilidade penal” e avalou que a Xunta non acuse os cargos do PP
A acusación da Xunta, con todo, esténdese só a nove das trece persoas ás que acusa o Ministerio Público, e deixa fóra aos antigos responsables do Igape e a quen fora deputado polo PP e candidato á alcaldía de Oleiros. Preguntado por esa circunstancia, hai un ano o presidente Feijóo asegurou que a decisión de contra quen se persoa a Xunta nunha causa xudicial é dos técnicos da súa Asesoría Xurídica, non do Goberno galego, e rebaixou a importancia do caso Campeón no que atinxe aos funcionarios públicos a “unha mala xestión” sen ver neles “responsabilidade penal”.
Por outra banda, a sesión que se celebra o martes estará dedicada ás cuestións previas e nela os acusados pedirán que se anulen algunhas das principais probas de cargo do caso. Ademais, segundo publican varios medios locais, entre eles El Progreso, Fiscalía e defensas buscan acordos de conformidade previos que para a primeira garantan un mínimo de condenas e para as segundas rebaixen as penas impostas.