"O Centro Gallego non ten futuro como mutualidade; hai que pelexar polo patrimonio cultural"

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires © Google

Evaristo Oroña foi delegado na Arxentina durante tres anos da Fundación Galicia Saúde, creada pola Xunta en 2002 para participar no mantemento económico do Centro Gallego de Bos Aires. De 2006 e 2009, tras a chegada de Emilio Pérez Touriño ao poder, estivo á fronte dunha entidade que abandonou co regreso do PP a San Caetano e que desapareceu tan só dous anos despois. Agora que se confirma o inicio das conversas para a venda da histórica institución da emigración e da súa xestión sanitaria, este empresario e militante socialista natural de Vimianzo -con máis de 60 anos no país austral- analiza a situación dos emigrantes e da súa histórica sede. 

Por que abandonou o seu posto como delegado da Fundación Galicia Saúde?

Estiven menos de tres anos, da man do PSdeG. Touriño perdeu as eleccións en Galicia e eu retireime. 

"O Centro Gallego non ten futuro como mutualidade médica, non pode ser porque ten unha débeda tal que non a pode erguer"

Que futuro ten o Centro Gallego?

O Centro Gallego non ten futuro como mutualidade médica, non pode ser porque ten unha débeda tal que non a pode erguer. E ademais, é unha institución que quedou parada no tempo, que non se actualizou na parte médica e tecnolóxica e que, polo tanto, como asistencia mutualista, como servizo sanitario non ten futuro nas condicións actuais. É imposible. O que teñen que facer todas as institucións galegas e a propia Xunta é preservar o patrimonio histórico que hai dentro. 

"As institucións galegas e a propia Xunta teñen que preservar o patrimonio histórico que o Centro Gallego ten dentro"

Cal é a súa opción?

Un sector dese edificio histórico tería que quedar en propiedade do propio Centro Gallego, para preservar a súa historia, os seus arquivos, toda a súa traxectoria e a parte cultural... Esquezámonos da parte médica, sobre todo na Arxentina, onde empresas sanitarias privadas parecidas, como as das colectividades alemá ou italiana, avanzaron moito e coas que é moi difícil competir. 

A situación económica é grave, pero é difícil saber a débeda exacta...

Non se vai saber nunca cal é exactamente a cantidade da débeda porque a administración do Centro Gallego foi moi mal levada desde hai moito tempo, é unha vella historia. A crise empeza xa no ano 70 cando se aproba a nova Lei de Obra Social na Arxentina. Os traballadores que non tiñan servizo médico acceden a prestacións a través das cotas que pagan eles e a súa propia empresa, polo que xa non se afilian ás mutualidades. Isto agrávase porque xa non veñen máis emigrantes, a xente nova non se afilia e o número de afiliados cae. Ademais, os socios tradicionais, os que chegaron nos 40 e nos 50, teñen máis idade, máis problemas de saúde... En definitiva, menos afiliados, con máis idade e máis gasto. 

"Durante anos, o Centro Gallego non estivo dirixido polos máis capaces, senón polas persoas que colocaba cada agrupación"

Non se fixo nada?

Non reaccionaron a tempo, foron caendo os beneficios, perdéndose cartos... Nos 90, as agrupacións políticas póñense de acordo e deciden que nos vinte anos seguintes vanse repartir o mandato: catro anos para cada asociación. O Centro Gallego pasou a non estar dirixido polos máis capaces, senón polas persoas que colocaba cada agrupación. A medicina avanzaba moito e os dirixentes non estaban capacitados. 

E chega a crise...

En 2001 chega a gran crise arxentina, que afecta tamén moito o Centro Gallego. O Goberno galego comeza a colaborar coa institución a través da Fundación Galicia Saúde, pero nin tan sequera serviu para mellorar, senón para tapar débedas. A Xunta tamén fracasou porque colocou moita xente que non soubo xestionalo, que mesmo acabou en xuízos...

Vostede chegou ao posto da man do PSdeG...

Durante a presidencia de Pérez Touriño houbo un impasse, chegou un director médico moi capacitado que procurou actualizar o Centro e poñelo no século XXI. Pero o PP gañou as eleccións en Galicia e houbo tamén comicios no Centro logo de 20 anos. Un dos candidatos é apoiado por Feijóo, pero gaña o outro e a Administración galega retira a axuda que mantiña a través da Fundación Galicia Saúde. A obra social Ospaña, que tamén colaboraba, retírase coa chegada da nova directiva e pasa a funcionar de maneira independente... E funciona ben, pero tamén serviu para encher o peto de varios... Logo chega a intervención do Estado arxentino, que neste país nunca é para solucionar un problema senón para agravalo. 

"Vaise perder todo, pero hai que pelexar por manter o patrimonio cultural e artístico"

Daquela, que solución hai agora?

Vaise perder todo, pero hai que pelexar por manter todo o patrimonio cultural, histórico e artístico e darlles a eses 5.000 ou 6.000 socios que aínda quedan o servizo médico que realmente necesitan. Algúns teñen 60 ou 70 anos e merecen recibir a atención ata o final dos seus días, é importante negociar iso e que sigan pagando a cota que pagaban. A empresa compradora que trate ben aos novos socios e estableza as súas condicións, pero que non abandone os que fixeron o Centro Gallego tan grande desde hai anos. 

"A empresa compradora debe impoñer as súas condicións aos novos socios, pero non abandonar os que fixeron o Centro tan grande"

Cre que a Administración galega debe mollarse máis coa emigración?

As autoridades de Galicia deben intervir, deben facer algo porque as nosas institucións na emigración están desaparecendo pola propia incapacidade dos seus dirixentes. Vailles pasar a todas as entidades nos vindeiros dez anos porque nelas seguen os mesmos, os que xestionan como cando chegamos de Galicia nos anos 50. É como ir nun carro contra un monopraza de Fórmula-1; a Xunta debe interesarse, facer algo e preservar unha colectividade e todo o seu patrimonio histórico. 

Coñece de primeira man a importancia simbólica do Centro Gallego, teme que tamén se perda?

O meu sogro faleceu alí, a miña sogra é socia desde 1951 e segue pagando a cota, malia non recibir atención médica... Por orgullo, por amor á Terra e á institución. A miña muller naceu no Centro Gallego e hai milleiros de fillos de galegos que adoptaron a nacionalidade española que tamén viron a luz alí. A metade dos socios actuais son galegos ou fillos de galegos. Hai que preservar todo o seu patrimonio. 

"Non se ten en conta toda a dimensión da emigración; os políticos non a entenden porque nas visitas levan unha impresión que non é real"

Cre que desde Galicia se entende a realidade da emigración?

Fálase moito da emigración pero creo que non se ten en conta toda a súa dimensión. Os dirixentes políticos non logran entender realmente o que significa porque veñen de visita, pouco tempo e andan sempre polos mesmos lugares... Levan unha impresión que non é a real. A realidade coñécese cando se visita os emigrantes na súa vida diaria, no seu traballo. Os triunfadores non son o cento que fixo moitos cartos, que se fixo empresario... Os triunfadores son todos, tamén os que traballaron e sufriron moito para facer a súa vida aquí, eses tamén triunfaron porque o diñeiro só é un triunfo económico. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.