O Concello da Coruña pagou 14.000 euros a medios por entrevistas aos concelleiros

Carlos Negreira e o seu equipo de goberno antes dun pleno © Concello da Coruña

O Concello da Coruña pagou máis de 14.000 euros a varias emisoras radiofónicas para que concelleiros do goberno de Carlos Negreira fosen entrevistados. A denuncia do BNG, que tivo acceso ás facturas, únese á que realizara hai mes e medio, cando descubriu que a administración local pagara tamén uns 2.000 euros a un xornal para que entrevistase o propio alcalde co gallo do ascenso do Deportivo a primeira división. En total, máis de 16.300 euros, cando menos e nos últimos meses, abonados a medios de comunicación a cambio de concederlles entrevistas.

O goberno local pagou nos últimos meses 16.300 euros a diversos medios por entrevistas ao alcalde ou concelleiros

Tal e como se pode comprobar nos documentos que achega o Bloque, a única xustificación destes diferentes a estas empresas radiofónicas é que estas lle realicen entrevistas a concelleiros e concelleiras do goberno do PP na Coruña. "Con cartos públicos, o goberno municipal pagoulle a unha soa empresa 6.534 euros nunha factura e 3.920,40 euros noutra para a emisión de entrevistas", explica o BNG, que aclara que no primeiro dos casos especifícase que estas entrevistas serán “a concelleiros” e no segundo trátase da emisión doutras sobre as actividades das festas de María Pita. En total, máis de 10.400 euros destinadas a Radio Líder -que nin tan sequera emite na cidade na actualidade-, tal e como se pode comprobar nas facturas.

Ademais, o Concello da Coruña tamén utilizou cargos públicos para pagarlle a outra emisora de radio 3.920,40 euros para “información e entrevistas” sobre os mesmos festexos. Neste caso o pago teríase efectuado á Cadena Cope. A denuncia, que pode que non sexa a última, chega logo de que o pasado mes de outubro o grupo nacionalista no consistorio advertira e censurara o gasto de 1.960,20 euros para que un medio escrito da cidade entrevistara o alcalde polo ascenso do Deportivo á máxima categoría do fútbol estatal.

O BNG xa denunciara o pago de case 2.000 euros a un xornal por unha entrevista con Carlos Negreira

Por outra banda, o BNG advirte tamén que estas resolucións da alcaldía "súmanse a outras sete que acordan abonarlle" case 40.000 euros (39.462,94) euros en concepto de publicidade a distintos medios de comunicación "para difundir as actividades relativas ás festas de María Pita". Do mesmo xeito, o Bloque tivo tamén acceso a tres resolucións da mesma alcaldía nas que se ordena pagar preto de 24.000 euros para publicidade do San Xoán.

"Os gastos demostran a fonda preocupación de Negreira por vender a súa imaxe na prensa e transformar en propaganda a súa nula xestión", di o BNG

"Estes novos gastos dados a coñecer polo Bloque demostran a fonda preocupación do señor Negreira por vender a súa imaxe na prensa e por transformar en propaganda a súa nula xestión á fronte do Concello da Coruña. O goberno local tira do manual de márketing do PP, sen importarlle dilapidar recursos municipais en publicidade, co fin de ocultar os graves recortes que acomete desde as administracións que goberna", asegura o gruo nacionalista, que se pregunta "até cando van seguir aparecendo facturas que demostran gastos en festas".

O BNG recorda ademais que só o IMCE leva gastados 1,9 millóns de euros nos festexos de María Pita, unha cifra "á que hai que engadirlle un total de 14 concertos cuxo custo descoñecemos a día de hoxe, os gastos que achega o concello a través do Consorcio de Promoción para a Música, do laminado en madeira do escenario de María Pita ou de máis publicidade". "Tal e como prognosticaramos, as festas de María Pita custaron bastante máis de 2 millóns de euros", remata a formación nacionalista, que engade que o gasto coñecido das festas de San Xoán (máis de 600.000 euros) "vese incrementado logo de coñecermos estas novas resolucións".

Negreira, na presentación dunha campaña turística © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.