O Concello de Vigo supedita a gravación dos plenos á autorización do alcalde

Protesta contra o regulamento do pleno en Vigo CC-BY-SA CIG

O Concello de Vigo aprobou este pasado luns o novo regulamento do pleno elaborado polo goberno local cos únicos votos a favor do PSOE, o rexeitamento rotundo da oposición (PP e Marea de Vigo) e coa posición en contra de sindicatos e organizacións sociais. Nun pleno quente, o alcalde Abel Caballero volveu levar todas as críticas por unha normativa que desde populares ata representantes das mareas cualifican de "atentado á democracia", "mordaza" ou froito do "absolutismo" do rexedor, que agora poderá decidir quen grava ou non unha sesión plenaria. 

Oposición, sindicatos e colectivos sociais cualifican o regulamento de "atentado á democracia"

O voceiro da Marea, Rubén Pérez, xa amosou mesmo a posibilidade de denunciar ante os tribunais o regulamento e anunciou que enviará unha carta á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), presidida por Caballero, para que "reconsidere" o cargo do rexedor vigués. "Non é un alcalde que estea á altura desa institución democrática cando aproba unha normativa que vai en contra da transparencia e desta democracia e das ordenanzas impulsadas pola propia Federación neste sentido", explica a Praza. Elena Muñoz, voceira do PP, medita tamén se acudir á xustiza, pero xa ten decidido tamén dirixirse á FEMP e ao Valedor do Pobo. 

Marea de Vigo e PP dirixiranse á FEMP para denunciar a actitude do seu presidente: "Non merece presidir esa institución"

No debate sobre o regulamento, e entre apupos e sonoras protestas, parte do público amosou carteis para denunciar a actitude do alcalde e denunciar a aplicación dunha “lei mordaza municipal”. Precisamente, mostrar carteis e as protestas no pleno quedan prohibidas mediante unha normativa que tivo máis de 30 emendas da oposición e máis de 50 de diferentes colectivos sociais, das que o goberno local aceptou menos de dez "por ser manifestamente ilegais", segundo aclara Pérez. "Equipara amosar cartelaría a calquera interrupción da orde", explica. 

"O público asistente ás sesións non intervirá nelas nin realizará manifestacións de agrado ou desagrado, nin exhibirá carteis, pancartas ou similares", di o artigo 49.1, que non é o único polémico, nin moito menos. O regulamento aclara as condicións para a gravación das sesións plenarias e impide facelo sen permiso do rexedor: “Ningún medio, sen atoparse expresamente autorizado pola Presidencia, realizará gravacións gráficas ou sonoras das sesións”. Neste aspecto, tanto a oposición como outras formacións como o BNG ou a CIG lembran que as sesións plenarias son de carácter publico, polo que non se pode limitar o acceso dos medios de comunicación, “e menos que esta cuestión fique a criterio do alcalde”. De feito, mesmo o Supremo ratificara que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán.

O regulamento prohíbe as protestas e "exhibir carteis, pancartas ou similares" nos plenos

"Empregan a escusa da falta de espazo, como noutros artigos polémicos noutros aspectos", explica Rubén Pérez, que denuncia que se "coloque a figura do alcalde como o dun policía de escano, capaz de arbitrar o pleno e autorizar ou non a súa gravación". "É algo absolutamente arbitrario", insiste quen destaca outros artigos polémicos nos que ve "unha fuxida cara adiante de Caballero ante unha oposición fiscalizadora como a da Marea". "Intenta manter a omertà que tanto tempo houbo sobre expedientes e documentación do pasado", di. 

Así, no artigo 34, o que regula as comisións obrigatorias, pretendeuse eliminar a comisión de vixilancia da contratación pública, aínda que finalmente non se levou a cabo, ao igual que a intención -contraria á legalidade- de incrementar a tres o número mínimo de escanos para poder formar grupo. 

Calquera "gravación gráfica ou sonora" deberá estar "expresamente autorizada pola Presidencia"

Ademais, a Marea denuncia as iniciativas destinadas a "dificultar o acceso a expedientes" a través dun artigo que restrinxe esta accesibilidade, vetando aqueles que se atopen en trámite administrativo. "Fano para dilatar os procesos e xustificar o silencio administrativo co que nos contestan tan acotío", aclara Rubén Pérez, que censura tamén a redución do número de preguntas que pode realizar a oposición en detrimento do PSOE, partido que sustenta o goberno local. 

Na ordenanza tamén se inclúe, no artigo 2, unha referencia a que "nos debates utilizarase o galego ou o castelán”, unha redacción criticada por colectivos ou sindicatos como a CIG, que entenden que "vai en contra da ordenanza de normalización lingüística" do Concello, que aclara que "o idioma galega é a lingua do pleno" e que "o galego é o idioma oficial do Concello de Vigo". "Para conseguir a normalización plena do noso idioma debe promoverse o seu uso en todos os ámbitos da vida municipal", aclaran. 

A normativa fai referencia á utilización "do galego ou castelán" nos plenos, algo que para varios colectivos "vai contra a ordenanza de normalización"

Malia as numerosas críticas, Abel Caballero xa manifestara durante o pleno que o regulamento "garante a capacidade de falar", mentres que o concelleiro socialista Carlos López Font advertía uqe a nova normativa "respecta a oposición como non se respectou nunca". "É democrático e facilita a información e a transparencia", dixo. 

Abel Caballero, no pleno, ante unha protesta pola ordenanza CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.