O Consello Nacional do BNG cre que o resultado do 25-S “evidencia a recuperación dun apoio social e electoral”

Consello Nacional do BNG reunido este sábado en Santiago Dominio Público BNG

Segundo o órgano directivo dos nacionalistas, os resultados do 25-S "rompen a tendencia dos últimos procesos e evidencian a recuperación dun apoio social e electoral ao proxecto do Bloque”

O Consello nacional do BNG, reunido este sábado en Santiago, fai unha “valoración positiva dos resultados electorais do 25-S que, sen cumprir o obxectivo que se perseguía de derrotar ao PP, rompen a tendencia dos últimos procesos e evidencian a recuperación dun apoio social e electoral ao proxecto do Bloque”. Así o indica o órgano de dirección dos nacionalistas logo de que o pasado domingo a formación lograse deter o seu retroceso dos últimos anos e perdese só un escano e uns 30.000 votos con respecto aos comicios de 2012, cando obtivera sete deputados e 146.000 votos.

Segundo a portavoz nacional e parlamentar do BNG, Ana Pontón, ese resultado “é un paso para diante que debemos consolidar e ampliar, con ánimos renovados e con máis convicción que nunca no proxecto político do nacionalismo, empezamos unha nova etapa con máis cohesión e unidade, con máis entusiasmo e ilusión”. “No BNG somos parte desa Galiza inconformista e rebelde, e esa voz vaise sentir con forza no Parlamento. Traballaremos con humildade e con convicción, para devolverlle o sorriso aos galegos e galegas e para que se sintan representadas nas nosas propostas e principios”, recalcou a nacionalista, insistindo en que o 25-S “é o principio dunha nova etapa onde todas e cada unha de nós somos necesarias e temos as portas abertas para ampliar o proxecto do BNG e avanzar social e electoralmente”.

Ana Pontón aposta por reformar o regulamento do Parlamento para “superar burocracias” e levar á Cámara os problemas reais da rúa para que a cidadanía “recupere o sorriso”

A portavoz nacionalista asegurou que traballará para converter o Parlamento no centro da vida política trasladando á Cámara os problemas da rúa. “O Parlamento ten que ser o centro da vida política e ter unha conexión clara e directa co día a día da xente do nosos país”, dixo, engadindo que debe dotarse de máis “dinamismo e eliminar burocracia dunha institución que funciona con esquemas e ritmos de hai 30 anos”. Para iso, o BNG proporá a reforma do regulamento da Cámara, modificado hai un ano por PP e PSdeG.

“O pobo ten que sentir que o Parlamento o representa”, alegou Pontón, quen amosou a súa esperanza en que o PP non impoña a súa maioría absoluta xa que estas “dan dereito a gobernar, pero non dan a razón”. Sobre a situación política no Estado, Pontón non quixo especular sobre cal vai ser o resultado da crise que vive o PSOE pero asegurou que o marco político actual está “esgotado”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.