O Defensor del Pueblo constata o uso sen control do glifosato como herbicida nas estradas galegas

Policía local de Gondomar identificando en 2018 un vehículo de fumigación con glifosato nunha estrada da Xunta © Concello de Gondomar

Malia estar considerado como posible canceríxeno, o Goberno de España non avisa á cidadanía da súa aplicación e o galego non avalía os posibles efectos adversos sobre persoas e animais nin tramita as denuncias

O glifosato, produto empregado como herbicida, está considerado por diversas entidades científicas e mesmo pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como posible produto canceríxeno. O seu uso segue estando permitido, pero deben priorizarse outros métodos, debe advertirse á cidadanía con antelación da súa aplicación e debe facerse un seguimento dos seus posibles efectos adversos. Porén, o Defensor del Pueblo constata no seu último informe anual, feito público hai uns días, [aquí o documento íntegro en PDF] que segue a empregarse nas estradas galegas sen que as administracións competentes controlen adecuadamente a súa aplicación.

Envases de glifosato nunha balsa de rego na Limia Dominio Público Movemento Ecoloxista da Limia

O Defensor del Pueblo realizou unha investigación sobre o glifosato en Galicia, pediu explicacións ás administracións implicadas e lembrou as súas obrigas aos gobernos estatal e galego tras non apreciar que o seu uso teña “o carácter residual que afirman as Administracións Públicas, e que se axuste de maneira estrita aos requisitos de uso establecidos na normativa”. O Defensor di que hai eivas tanto na xustificación do seu uso, como no aviso á poboación ou o seguimento dos seus efectos.

No primeiro aspecto o informe sinala que “os produtos fitosanitarios químicos (como son os herbicidas con glifosato) só deben usarse cando non sexa viable o emprego de medios mecánicos e tampouco o uso doutros medios alternativos aos que as administracións non fixeron referencia”.

Sobre a información á cidadanía sobre o seu uso, o Defensor sinala un caso de aplicación do glifosato en Lugo no que “non quedou acreditado se os veciños foron avisados con antelación á aplicación do herbicida, pois parece que se notificou ao Concello de Lugo e que este non contestou ata meses despois da aplicación”. Porén, engade, “a Administración estatal de estradas tampouco adoptou medida algunha ante o silencio do concello para asegurarse de que o aviso se producira”. Pola súa banda, a Xunta sinalou ao Defensor del Pueblo que no caso de Galicia, “con núcleos dispersos e edificacións illadas, é frecuente e habitual o tránsito de viandantes e animais domésticos por estradas e camiños” así como que o pastoreo chegue ao perímetro das redes viarias. “En casos así, a falta de avisos é especialmente reprochable”, di o Defensor.

Fragmento do informe do Defensor del Pueblo sobre o control do glifosato en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

"O sistema de seguimento previsto nas normas non funcionou", di o Defensor del Pueblo ante a inacción de Medio Rural fronte as denuncias que admite recibir

Canto ao terceiro punto, o control dos efectos da aplicación do glifosato, o informe di que “ningunha das administracións consultadas, tampouco a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Galicia, achegou datos de seguimento de posibles danos”. O Defensor di que o servizo de sanidade e produción vexetal da Consellería de Medio Rural “afirma recibir denuncias habitualmente de gandeiros por intoxicacións do gando ou de viandantes por animais de compaña que inxiren ou entran en contacto con vexetación tratada”, pero engade que “dito servizo limitouse a alegar a dificultade de realizar a investigación e de valorar os efectos, ao non existir no momento do tratamento químico algún inspector ou axente da autoridade”. “De aquí se deduce que a Consellería de Medio Rural non formalizou as correspondentes denuncias nin as oportunas comunicacións ante os órganos estatais, de maneira que o sistema de seguimento previsto nas normas non funcionou”, conclúe o Defensor del Pueblo.

Pero esa institución di que precisamente as dificultades que teñen as administracións para poder controlar o uso ou efectos secundarios do glifosato debera ser o que as leve a “aplicar proporcionalmente o principio de precaución” no seu uso e limitalo ao imprescindible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.