O departamento de Consumo da Xunta, incapaz de resolver as queixas en prazo malia levar 25 anos subcontratando persoal

Contratos de elctricidade ou telecomunicacións son a orixe da metade das reclamacións a Consumo CC-BY-SA Praza Pública

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia renova a externalización e destina 400.000 euros ao ano para manter unha quincena de traballadores que o axuden na atención á cidadanía e na tramitación de reclamacións

En 2023 o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, organismo da Xunta encargado de tramitar as queixas da cidadanía fronte a todo tipo de empresas, recibiu un total de 22.813 reclamacións, a metade relacionadas con contratos de electricidade e telecomunicacións. Foron 4.000 máis que as 18.865 reclamacións recibidas en 2019, o ano previo á pandemia. Un volume de expedientes que desde hai anos o instituto non é quen de tramitar nos prazos que debera, segundo vén constatando de xeito recorrente a Valedora do Pobo.

Sede central en Santiago do Instituto Galego do Consumo e da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A insuficiencia de persoal preséntase como a principal causa das demoras que sofren as reclamacións ante Competencia, un problema que a Xunta non é quen de resolver nin recorrendo como fai desde 1998 a subcontratar persoal externo. Esas subcontratacións, unha quincena de persoas repartidas tanto nos servizos centrais do instituto en Santiago como nas súas oficinas no resto de cidades galegas, vanse renovar agora por uns 400.000 euros ao ano. 

Segundo a licitación que Competencia vén de convocar para subcontratar unha empresa que lle preste o servizo de "atención presencial, telefónica, telemática e do teléfono de atención ao consumidor", "os recursos existentes no actual Instituto Galego do Consumo e da Competencia esgótanse no funcionamento propio do mesmo", polo que se ve obrigado a buscar axuda para tramitar as consultas e reclamacións dos consumidores galegos. 

Esa "primeira atención" da cidadanía consistente en "informar ás persoas consumidoras sobre os seus dereitos co fin de que poidan exercelos e auxiliar na canalización e na tramitación das consultas ou reclamacións dos consumidores e usuarios realízase mediante un contrato de servizos de atención presencial e telefónica que vén funcionando nesta institución desde o ano 1998". 

Teleoperador nun centro de chamadas CC-BY-SA CCOO

Actualmente ese servizo subcontratado ten un cadro de persoal composto por unha quincena de traballadores e traballadoras que deberán ser subrogados pola seguinte empresa que resulte adxudicataria do contrato. Un persoal que desenvolve as súas tarefas nas propias sedes do instituto.

A Valedora do Pobo vén apercibindo de xeito recorrente a Consumo polas súas demoras e mesmo o seu silencio ante reclamacións da cidadanía

Malia os reforzos externos aos que Consumo vén recorrendo desde 1998 o instituto vén sendo apercibido de xeito recorrente pola Valedora do Pobo pola súa incapacidade de tramitar en prazo as reclamacións que lle presenta a cidadanía. Malia que a lei fixa un prazo de seis meses para dar unha resposta, a Xunta está a tardar máis dun ano en facelo. E en ocasións nin sequera hai resposta, como vén de revelar a Valedora nun novo caso no que unha persoa que presentara a súa reclamación en maio de 2020 non tivo contestación ata que agora interveu a entidade que vela polos dereitos da cidadanía.

Un dos varios recordatorios de deberes legais dirixidos pola Valedora do Pobo á Xunta polas demoras do seu departamento de Consumo CC-BY-SA Praza Pública

Consumo xa fora no seu momento o departamento encargado de tramitar, tamén con demoras, as reclamacións da cidadanía polas participacións preferentes vendidas polas caixas galegas antes da súa desaparición, reclamacións para as que a Xunta tamén recorrera a subcontratar a súa tramitación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.