A Valedora do Pobo censura que “bastantes queixas” están a resolverse fóra de prazo ou non se comunican as decisións ás persoas denunciantes
O Instituto Galego de Consumo está a tardar “máis dun ano” en tramitar “bastantes queixas” de consumidores a empresas cando a lei fixa un prazo de seis meses, e non está a comunicar as súas decisións ás persoas denunciantes. Así o vén de revelar a Valedora do Pobo ao facer público un recordatorio de deberes legais que dirixiu á vicepresidencia económica da Xunta, á cuxa fronte está Francisco Conde e da que depende o departamento de Consumo, dirixido por Manuel Heredia.
A orixe da actuación da Valedora do Pobo está nunha queixa presentada ante ela por unha persoa que presentara unha reclamación ante Consumo pola perda dunha maleta por parte de Iberia. A reclamación foi presentada en xullo de 2020, e en agosto Iberia contestou a Consumo que a persoa non lle facilitara algúns datos que precisaba. Consumo comunicoullo á persoa denunciante un mes e medio máis tarde, e esta trasladou os datos que se lle requirían, pero xa non se volveu saber de Iberia.
Tras unha reclamación pola perda dunha maleta por parte de Iberia, Consumo tardou case dous anos en iniciar un procedemento sancionador por "infracción grave" cunha multa de 10.500 euros
Segundo as explicacións que deu Consumo á Valedora, en decembro requiriu á compañía aérea que xustificase que xa indemnizara á persoa reclamante, pero Iberia non contestou e Consumo tampouco fixo nada. En maio de 2021 a persoa denunciante pediu explicacións a Consumo sobre o estado do expediente pero non tivo resposta, así que acabou presentando unha queixa ante a Valedora. E non foi ata maio deste ano, case dous anos despois da reclamación inicial, que Consumo iniciou un procedemento sancionador contra Iberia “pola comisión dunha infracción grave en materia de defensa dos consumidores e usuarios propoñendo impoñer unha sanción de 10.500 euros”.
Ao investigar o caso a Valedora do Pobo comprobou que “non só nesta senón en bastantes queixas máis presentadas, dita tramitación demorouse en máis dun ano dependendo do expediente, por tanto, a resolución correspondente a cada expediente ditouse fóra do prazo establecido pola normativa aplicable, ou ben non se comunicou” á persoa interesada.
A Valedora lembra que a arbitraxe de consumo está pensada para ser máis axil que os procedementos xudiciais
A Valedora lembra que a arbitraxe de consumo é un procedemento extraxudicial de resolución de conflitos previsto para ser máis rápido que os dos tribunais de xustiza. Segundo a lei, o prazo para ditar un laudo arbitral en cada conflito é de seis meses e só pode ser “prorrogado polo órgano arbitral por un período non superior a dous meses, salvo acordo contrario das partes”.
Porén, tanto na queixa que deu lugar á súa investigación como “noutras similares”, di a Valedora, “o Instituto Galego de Consumo e da Competencia, de acordo coa información que nos remite, non fai mención a demora na resolución da reclamación e solicitude de arbitraxe, nin tampouco informa sobre a comunicación desta á interesada”. Por iso, a Valedora emite o seu “recordatorio de deberes legais” á vicepresidencia económica lembrándolle que debe resolver os casos con máis axilidade.