O Eixo Atlántico propón unha folla de ruta de políticas sociais para reducir o 25% de persoas excluídas na Eurorrexión

Comedor escolar galego © Anpa CPI Camiño de Santiago

"Na nosa sociedade, o futuro de cada persoa está fortemente determinado polo fogar no que nace", alerta o informe Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico, o primeiro elaborado para un sistema urbano transfronterizo

"Na nosa sociedade, o futuro de cada persoa está fortemente determinado polo fogar no que nace". É unha das conclusións do informe Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico, un documento de análise e propostas que foi presentado este martes en Ourense e que, ao tempo que realiza un diagnóstico sobre a situación actual, elabora unha folla de ruta de accións con obxectivo de reducir a cifra do 25% de persoas vulnerables ou excluídas no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, de forma coordinada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. 

Ante isto, o primeiro fito no que se traballa é en pasar "de servizos e políticas sociais a políticas personalizadas", destaca o informe e sublíñase que "o principal reto para a redución da desigualdade pode ser máis político que técnico". Reclámase "un investimento público suficiente e progresiva nas políticas sociais" e "unha resposta integral ben articulada e multisectorial", engadindo que se requiren "medidas no curto, medio e longo prazo, máis aló dos prazos habituais das lexislaturas". 

Presentación do Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

"O principal reto para a redución da desigualdade pode ser máis político que técnico", dise no documento, que reclama "servizos e políticas sociais a políticas personalizadas"

Presentado este martes en Ourense, trátase do primeiro informe deste tipo elaborado para un sistema urbano transfronterizo. Na primeira parte deste Mapa, os datos resultantes da enquisa ofrecen unha visión xeral da cohesión socia, destacando que a cohesión territorial das cidades e entidades do Eixo Atlántico "evoluciona mellor que as desigualdades intraurbanas". Alerta, neste senso, de que "na nosa sociedade, o futuro de cada persoa está fortemente determinado polo fogar no que nace". 

O informe conclúe que "canto maior é a distancia entre os extremos en termos de ingreso, riqueza e capital socio-cultural, máis probable parece, se non hai intervencións correctoras, que eses extremos se consoliden, afectando negativamente á mobilidade social". Así mesmo, "canta maior é a distancia entre os extremos nunha sociedade e menor é a clase media, é posible que existan máis dificultades para xerar novos consensos sociais".

O informe alerta de que "as persoas novas de hoxe teñen menos posibilidades de pertencer á clase media que as de xeracións anteriores"

O documento tamén alerta de que "o adelgazamento das clases medias parece incrementar a relevancia das espirais de vulnerabilidade e privilexio, aumentando a polarización social" e sinala que "as persoas novas de hoxe teñen menos posibilidades de pertencer á clase media que as de xeracións anteriores". "Os mozos do Eixo atópanse hoxe nunha maior precariedade laboral que en décadas anteriores e en relación a outros grupos de idade, atrasando cada vez máis a saída de casa dos seus pais", dise.

O informe inclúe unha folla de ruta de propostas e posibles ámbitos de intervención que poderían axudar a manter a cohesión social no Eixo Atlántico. Entre elas aparece, por exemplo, combater a segregación residencial, actualmente baseada no seu nivel económico e socio-cultural. Tamén mellorar a equidade na distribución de rendas entre capital e traballo, actuando de forma activa sobre as dúas, isto é, reducindo a renda do capital e aumentando a renda do traballo e, igualmente, aumentar o poder de negociación das persoas traballadoras. Así mesmo, pídese "asegurar un investimento público suficiente e progresivo nas políticas sociais"

Presentación do Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

“Políticas sociais máis personalizadas, máis transversais”

O informe propón combater a segregación residencial, mellorar a equidade na distribución de rendas entre capital e traballo, aumentar o poder de negociación das persoas traballadoras e asegurar un investimento público suficiente e progresivo nas políticas sociais

A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o director do informe, Roberto San Salvador, presentaron informe esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. 

O Mapa de Cohesión Social, que analiza a complexidade social, a igualdade de oportunidades, o emprego digno, así como a fenda dixital, de xénero e a xeracional, foi elaborado polo equipo de Investigación da Universidade de Deusto Cities Lab Katedra, dirixido por Roberto San Salvador, Catedrático da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas na Universidade de Deusto.

Na presentación Roberto San Salvador, director do Equipo que elaborou o informe, destacou que "as persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión necesitan políticas sociais máis personalizadas, máis transversais, máis integradas” por iso, sinala o autor, "temos que atender as brechas de vulnerabilidade e exclusión que se están abrindo nas nosas cidades e territorios".

"As persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión necesitan políticas sociais máis personalizadas, máis transversais, máis integradas” , destacou o director do equipo que elaborou o informe

A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, sinalou que “desde o Eixo Atlántico son moitos os estudos que realizamos para establecer follas de ruta e actuación no territorio" e salientou que este Mapa de Cohesión Social permite "ter unha foto fixa da situación real dos municipios, obter información sobre os hábitos e a calidade de vida da cidadanía e profundar nas causas que orixinan a vulnerabilidade económica e social da poboación podendo, así, combatela".

Finalmente, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou que "no Eixo Atlántico non nos dedicamos só ás infraestruturas. A economía é fundamental pero non é suficiente porque o sistema sempre ten unha tendencia a deixar uns segmentos fora do proceso". "Estar aquí reunidos políticos de diferentes partidos, debatendo sobre a cohesión social é un sopro de aire fresco”, engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.