O equilibrio esquerda-dereita non se movería no Parlamento de Galicia

Extrapolación dos resultados das xerais en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Se a votación deste domingo non fose para renovar o Congreso dos Deputados senón para elixir un novo Parlamento de Galicia, como a que se celebrará o próximo outono, o reparto de forzas entre a esquerda e a dereita quedaría exactamente igual ao que existe actualmente no Pazo do Hórreo. A extrapolación dos resultados aos 75 escanos que ten a Cámara autonómica outorgaría 35 deputados ao PP, fronte aos 41 que ten na actualidade, pero entregaría 6 a Ciudadanos, o que permitiría que a dereita sume a mesma cantidade que na actualidade. E o mesmo pasaría na esquerda, onde o PSdeG repetiría exactamente os 18 deputados actuais mentres que En Marea acadaría 16, a mesma cifra que suman actualmente os 7 do BNG, os 6 de AGE e as 3 deputadas do Grupo Mixto saídas da anterior coalición. O BNG non acadaría representación.

PP e Ciudadanos sumarían os mesmos deputados que teñen actualmente os populares en solitario, 41 de 75, e permitirían a Feijóo renovar en outono a presidencia da Xunta co seu propio bipartito

Por provincias, na Coruña o PP baixaría de 13 a 11 deputados, o PSdeG de 6 a 5 e En Marea entraría con 6, xusto a suma dos 4 e 2 que conseguiron en 2012 AGE e BNG respectivamente. Pola súa banda, Ciudadanos acadaría 2 escanos na provincia que máis elixe, un total de 25, un máis que en 2012 polo seu crecemento demográfico en detrimento de Lugo. É tamén a provincia na que máis preto quedaría o BNG de obter un escano, a uns 4.000 votos.

En Lugo o PP pasaría dos 9 escanos actuais a 7, o PSOE mantería os seus 4 deputados e En Marea entraría con 2, xusto a suma dos que agora teñen AGE e BNG. Tamén entraría Ciudadanos con un deputado.

Ourense sería a única provincia na que o PP mantería o mesmo número de deputados autonómicos que en 2012, 8, mentres que o PSdeG baixaría de 4 a 3, En Marea obtería 2, como a suma dos obtidos por AGE e BNG hai catro anos, e Ciudadanos entraría con un.

Por último, en Pontevedra o PP baixaría dos 11 escanos actuais a 9, o PSdeG mantería os actuais 5 deputados e En Marea adiantaríao con 6, novamente igualando a suma obtida en 2012 por AGE e BNG. Tamén aquí Ciudadanos obtería dous escanos, mentres que o BNG quedaría a máis de 5.000 votos de poder acadar un representante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.