O Espazo Ecogaleguista botou a andar este sábado coa vista posta no 26 de maio, cando celebrará a súa asemblea constituínte para conformar un partido. No encontro que celebrou esta fin de semana en Compostela decidiuse a conformación dunha xunta xestora de 35 persoas, á que se poderá incorporar máis xente e o nomeamento de tres voceiros: Xoán Hermida, Chus Boo e Manuel Dios.
O encontro, ao que asistiron unhas cincuenta persoas, contou coa presenaa de EI, EN e MNG que incidiron, ao igual que os promotores do Espazo Ecogaleguista, na necesidares de construír "un novo espazo de esquerda nacional". Previamente á constitución do partido, os ecogaleguistas crearán grupos locais de apoio, de participación aberta e celebrarán un debate ideolóxico, que terá lugar o 14 de abril, e que serivrá para definir o programa da formación.
No acto tamén estivo presente Jordi Guillot, de Iniciativa per Catalunya-Verds, que convidou aos ecogaleguistas a integrarse no Espazo Plural que promove con Compromís, Chunta e outras organizacións da esquerda verde.
Os ecogaleguistas procuran o fortalecemento dun "espazo verde en Galicia", a través de tres eixos de acción: a creación do partido, a introdución na axenda políticas de máis cuestións medioambientais, a construción dun espazo amplo de esquerda nacional, e todo nun contexto de mobilizacións sociais contra os recortes.
Nese proceso de construción dun novo espazo de esquerda nacional e de esquerda verde, os responsables desta nova formación teñen intención de manter contactos, principalmente, con forzas e militantes do Encontro Irmandiño e Máis Galiza, que se presentaron á última asemblea nacional do BNG como Novo Proxecto Comun, máis tamén con sectores que se moven nas proximidades de Esquerda Unida, do Partido Socialista.
Promotores
Entre os promotores desta iniciativa, están Carmen Álvarez Domínguez, activista cultural de Soutomaior; Víctor Barro Casal, militante ecoloxista de Ourense, ex coordinador de Amigos da Terra-Galicia; Daniel Beiras García-Sabell, fillo de Xosé Manuel Beiras e arquitecto da Coruña; Xurxo Bértola Rodríguez, editorialista de Teo; Maria Xesús Bóo Feijóo, militante ecopacifista de Ames; Carmen Carballo Pérez, periodista e ex directora do Clube Internacional de Prensa; Antón Costa Rico, pedagogo de Vigo, impulsor da Nova Escola Galega; José Julio Des Diz, oftalmólogo e impulsor da 'Plataforma en defensa da sanidade pública' de Monforte de Lemos; Manuel Dios Diz, presidente e fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz; Xan Duro Fernández, presidente de ADEGA entre 2002 e 2005, e coordinador de Verdegaia (2006-2011); Xoán Hermida González, que foi secretario de Organización de Esquerda de Galicia; Maika López del Prado, impulsora do 15-M da Mariña; Ricardo Saavedra Castro, ex militante do PNG-PG dentro do BNG; ou Xulio Tenreiro Salgado, dirixente de EG en Pontedeume na década dos 90 e impulsor de ADEGA no Eume.