O Estado gasta 120.000 euros en subvencionar actos de promoción do Exército

Rajoy, durante unha visita á Brilat en Figueirido © Goberno de España

"Difusión da cultura de seguridade e defensa, así como o fomento da conciencia de defensa nacional". É a filosofía na que o Ministerio de Defensa inspira as súas subvencións para "promover a cultura de defensa", unha orde de axudas dirixidas a organismos públicos, entidades sen ánimo de lucro ou "persoas físicas" que organicen actividades para "promover a cultura da defensa, fomentando o coñecemento da defensa como elemento esencial para garantir a seguridade de España e dos españois".

En tempos de estreiteces orzamentarias o departamento que dirixe Pedro Morenés pon sobre a mesa 120.300 euros, aos que se poderían sumar 79.700 máis no caso de que "se aprobe" a súa dispoñibilidade nos Orzamentos Xerais do Estado para 2013. Poderanos recibir as entidades que teñan en mente a posta en marcha de "cursos, seminarios, conferencias, xornadas de debate", "exposicións" ou "programas de difusión das misións das Forzas Armadas", así como da historia do Exército Español.

Defensa quere promocionar os militares entre a poboación xeral pero fíxase especialmente na mocidade. Así, advirte de que "se considerarán obxecto de interese preferente" os proxectos presentados que "sexan organizados por universidades e centros asociados ás mesmas, así como institucións de carácter docente do ensino primario e secundario". Tamén teñen prioridade os "centros de pensamento, colexios profesionais, entidades da sociedade civil ou outras con proxección social". O obxectivo é que "se optimice o alcance da actividade subvencionadas e esta repercuta en sectores destacados da poboación".

O Ministerio prioriza ás subvencións ás actividades de difusión das Forzas Armadas nos centros de ensino

Neste sentido, terá máis posibilidades de lograr unha subvención que teña o obxectivo de promocionar o Exército con actividades que "cheguen a todo o territorio nacional". Ademais, "valorarase positivamente que o plan de comunicación incluído en cada proxecto permita que a realización da actividade e o apoio recibido do Ministerio de Defensa a través destas subvencións sexan amplamente coñecidos, especialmente na localidade en que se realice". Quen xa está a difundir estas subvencións antes de ser concedidas é a Xunta, nomeadamente, a través da Consellería de Benestar, no portal de internet que o departamento de Beatriz Mato dirixe á xente moza. Se algunha das persoas que saiba das subvencións está interesada nelas ten que ter unha cautela: "á solicitude deberá adxuntarse a documentación administrativa e específica (...) en idioma castelán" ou "traducida ao mesmo, cando corresponda".

Rajoy, durante unha visita á Brilat en Figueirido © Goberno de España
A Xunta promociona as axudas entre a mocidade CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.