O Goberno central quita ferro aos graves problemas económicos do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA). Para o Executivo socialista, nin o enorme patrimonio histórico e cultural da emigración galega nin a asistencia sanitaria dos asociados galegos está en perigo, malia as advertencias e denuncias que chegan desde a entidade da diáspora, pendente dunha venda que evite a quebra e a perda de todo o seu legado.
De feito, o adiamento da venda tras aprazarse a última asemblea prevista aumenta o risco de quebra o que, segundo o presidente electo do CGBA, Ramón Suárez, poría en dúbida tanto a atención sanitaria aos actuais socios como o mantemento en mans da emigración de todo o patrimonio. Pero nunha resposta a unha pregunta parlamentaria de En Marea, o Goberno central di que “por suposto lle preocupa a crise” que vive o Centro, pero que “neste momento non ten sinal ningún de que o patrimonio pictórico e bibliográfico corra algún perigo”. E aínda máis, asegura que “nin as agrupacións de socios do CGBA alertaron nese sentido, como si o fixeron sobre outro tipo de cuestións”.
O Goberno central responde a En Marea que "non ten sinal ningún de que o patrimonio pictórico e bibliográfico corra algún perigo"
A resposta do Estado vai máis aló. Asegura que o Goberno español “non ten lexitimidade de ningunha clase para intervir nos asuntos do Centro, máis aló de manifestar a súa preocupación pola situación actual e de ofrecerse a colaborar na busca de solucións”. “O que estivo facendo regularmente en multitude de contactos tanto con responsables arxentinos de todos os niveis como con funcionarios da Xunta e a súa delegación en Bos Aires, como coas agrupacións de socios do CGBA”, explica.
Desde a Arxentina, Ramón Suárez, presidente electo do Centro e aínda pendente de asumir o cargo, aclara que ningún cargo institucional, nin do Goberno de España nin da Xunta de Galicia, se puxo en contacto telefónico ou persoal con el desde que gañara as eleccións o pasado 10 de setembro. Ademais, sinala que o embaixador español no país suramericano, Francisco Javier Sandomingo, “nunca pisou o CGBA porque nunca o pediu”.
A única comunicación foi a través de carta cando este embaixador e mais o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, responderon semanas despois de recibilas a senllas cartas de Suárez á Embaixada e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertindo ambos da imposibilidade de ir moito máis aló que do apoio e a vixilancia.
Nesta última misiva, Suárez advertía de que “a solución aos problemas do Centro só pode xurdir da acción dos socios” pero que esa acción “só podería ser exitosa co apoio e compromiso” que, por historia, teñen co Goberno galego. Así, pregáballe axuda a Feijóo para que “actúe sobre os que o representan na Arxentina e para non deixar sen dereitos sobre Ospaña (Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na República Arxentina) á Xunta, ao Goberno de España e ao Centro Gallego”.
O presidente electo do Centro advirte que retirar a entidade de Ospaña supón "desposuílo dun ingreso económico imprescindible para a conservación do patrimonio cultural"
Ramón Suárez advirte desde hai tempo de que a salvación do CGBA está en Ospaña, da que formaba parte o Centro Gallego, que quedou excluído logo dunha polémica operación da Xunta e do Goberno central que foi duramente criticada por membros da actual directiva desde hai tempo.
De feito, avida de que quince días despois de ser elixido, o Estado arxentino, “coa aquiescencia da Xunta e do Goberno de España”, levou a cabo un “estraño acto administrativo” polo que o CGBA perdía “calquera representatividade na obra social Ospaña”. “Iso implica desposuírnos dun ingreso económico imprescindible para a conservación do patrimonio cultural da institución”, di.
Porque tanto o presidente electo --que insiste en que non asumirá o cargo ata que se garanta o pagamento das débedas aos traballadores e a asistencia sanitaria aos socios-- como os representantes dos asociados saben que unha hipotética venda do edificio coa cancelación do pasivo non sería dabondo para o mantemento posterior do importante patrimonio histórico e cultural. Nin tan sequera reservando o 10% das cotas para este labor, como propoñía a proposta do grupo arxentino BASA.
A proposición de BASA apostaba por asumir a xestión do hospital, sen esixir a adquisición do histórico edificio, mentres que a outra, a do grupo español Ribera Salud, supoñía a venda do desexado inmoble sede do Centro Gallego. Ningunha virou en oferta firme.
O Estado tampouco ve en risco a asistencia sanitaria
Respecto da asistencia sanitaria, o Goberno español lémbralle por carta a Miguel Anxo Fernán-Vello, deputado de En Marea, que o CGBA ten na actualidade uns 4.000 socios, dos que “non máis de 900 serían españois”. “Polo momento contan con asistencia sanitaria a través do Centro. Se esta deixase de prestarse, cousa que non ocorreu aínda que si se deteriorou, tanto o Executivo como a Xunta dispoñen de instrumentos para asegurar a súa asistencia por outras vías, como ocorreu por exemplo cos socios españois do quebrado Hospital Español, e mesmo cuns 300 socios do CGBA que, por propia decisión (motivada presumiblemente pola deterioración dos seus servizos) o abandonaron nos últimos anos”, di a misiva na que fontes do asociacionismo galego na Arxentina ven con claridade a man do embaixador Sandomingo.
Ademais desta asistencia sanitaria e dos graves problemas do persoal, apremado polos impagamentos, tamén está en xogo un anaco importante da historia de Galicia e, sobre todo, da emigración. Uns 34.000 metros cadrados, seis plantas e dous sotos que acollen medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro.
Un inmenso patrimonio cultural en risco cuxa xestión esixen para a futura mutual do Centro Gallego todas as alternativas formuladas por asociados ou directivos, entre críticas ao nulo apoio chegado desde a Xunta ou o Goberno de España. Será esa a institución que garde o legado de milleiros de emigrantes e figuras históricas de Galicia, pero a solución, recordan, debe ser urxente. Segundo contesta o Executivo central, non se albisca risco ningún para o patrimonio nin para os asociados.