O risco de quebra no Centro Gallego de Bos Aires aumenta tras adiarse de novo a súa venda

Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública

A venda do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) quedou de novo adiada. A asemblea xeral dos representantes dos socios prevista o pasado luns para votar unha posible oferta que evite a quebra da histórica institución da emigración foi aprazada por orde do interventor. 

Fíxoo, segundo aclarou, para que “os eventuais ofertantes” dispoñan “dun prazo maior para a presentación das ofertas para a adquisición do inmoble”. Segundo fontes consultadas por Praza.gal, a intervención espera recibir propostas ata finais deste mes aínda que a súa preferencia, e xa que logo o do Goberno arxentino, é optar por un investimento estranxeiro e non pola opción dun grupo arxentino que asumiría a xestión do hospital sen esixir a adquisición do histórico edificio.

O interventor do CGBA adiou a asemblea para que os "eventuais ofertantes" teñan "un prazo maior"para presentar ofertas para a adquisición do inmoble"

Intervido desde hai seis anos polo Estado arxentino, o Centro Gallego, que chegou a superar os 100.000 socios e que foi considerado un dos mellores centros hospitalarios de Suramérica, conta hoxe cuns 3.500 asociados e unha enorme débeda de entre 40 e 50 millóns de euros. Máis dun ano despois da asemblea que autorizou as negociacións para a venda, a oferta formal do grupo español Ribera Salud non chegou e o novo presidente electo, Ramón Suárez, elixido nas eleccións do pasado setembro aínda non asumiu o seu cargo. 

Seguirá sen asumilo mentres non haxa unha oferta concreta que resolva a situación da débeda cos traballadores do hospital, que protestan desde hai meses, e mentres as propostas para salvar o CGBA non se concreten. A alternativa,  unha quebra que poría en perigo o legado histórico e cultural da emigración galega. 

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires Dominio Público Praza Pública

Polo momento, as proposicións non se plasmaron. Ao interese de Ribera Salud uniuse, como mínimo, o grupo arxentino BASA (Buenos Aires Servicios de Salud), que aposta por asumir a xestión do hospital, sen esixir a adquisición do histórico edificio, aínda que si incluíndo unha opción de compra das instalacións para o futuro.

Segundo fontes sindicais, a oferta do grupo BASA achegaría xa fondos para arranxar a grave situación dos traballadores (400 en activo e máis de mil acollidos a un retiro voluntario) aos que se lles adebedan imporantes cantidades, así como atender os socios nalgúns dos hospitais da súa rede en Bos Aires mentres leva a cabo unha rehabilitación do edificio para poder explotalo axiña.

A oferta do grupo BASA non implica a venda do edificio pero o Goberno arxentino aposta por un investimento estranxeiro que implica a adquisición do inmoble

Malia que parecía unha solución axeitada, o Goberno arxentino de Macri levou a cabo algúns pagamentos pendentes aos traballadores, operación que para as mesmas fontes foi entendida tamén como unha manobra para evitar que a oferta de BASA callase. 

No fondo albíscanse tamén fortes intereses, de negocio sanitario pero tamén urbanísticos, nun edificio situado nunha inmellorable zona de Bos Aires, ademais de presións gobernamentais dun e doutro lado. 

Sexa como for, as condicións impostas pola nova dirección e polos asociados –que son os que teñen sempre a última palabra para activar a venda, que debe ser aprobada por dous terzos da asemblea dos seus representantes– son claras: que o comprador cancele todas as débedas existentes e as que poidan agromar, garantir unha atención sanitaria axeitada e a perpetuidade para os socios actuais e que o panteón social, as instalacións anexas do Centro e todo o patrimonio cultural sigan sendo propiedade exclusiva da mutual da histórica entidade. Para conservar todo este legado, lembran, non sería suficiente coa proposta do grupo BASA, que fala de reservar o 10% das cotas dos socios para destinalo a este mantemento.

Ospaña, a solución atrancada pola Xunta

Por iso, Ramón Suárez advirte desde hai tempo de que a salvación estaría en Ospaña (Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na República Arxentina), da que formaba parte o Centro Gallego, que quedou excluído logo dunha polémica operación da Xunta e do Goberno central que foi duramente criticada por membros da actual directiva desde hai tempo.

O pasado mes de novembro, o presidente do CGBA enviou unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertíndolle da necesidade de “non deixar sen dereitos sobre Ospaña á Xunta, ao Goberno central e ao Centro Gallego”. 

A resposta chegou varias semanas despois, da man do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que non ve ningún problema. “Xustifica a súa petición de que oportunamente se excluíse o CGBA da Obra Social Ospaña e que foi referendado polo seu mandado na Arxentina, Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta e vicepresidente desta obra social, ao aprobar co seu voto e do outro representante do Executivo galego a reforma do seu estatuto, o que desprazou dela á mutual dos galegos en beneficio dunha creada para tal substitución”, denuncia Ramón Suárez. 

En xogo, ns 34.000 metros cadrados, seis plantas e dous sotos que acollen agora a grave problemática dos socios e a súa atención médica e o negro futuro dun cadro de persoal apremado polos impagamentos. Dentro, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro. Un inmenso patrimonio cultural en risco cuxa xestión esixen para a futura mutual do Centro Gallego todas as alternativas formuladas por asociados ou directivos, entre críticas ao nulo apoio chegado desde a Xunta ou o Goberno de España. Será esa a institución que garde o legado de milleiros de emigrantes e figuras históricas de Galicia, pero a solución é urxente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.