O Goberno central multiplica en campaña os anuncios de investimentos en Galicia

Pastor e Rajoy, con Feijóo en Marín CC-BY-SA PPdeG

A convocatoria formal das eleccións municipais fixo que, co mes de marzo, rematase o prazo legal para organizar inauguracións e demais actos de autobombo por parte das diferentes Administracións públicas. Tras uns días frenéticos de cortes de cintas, presentacións e postas en servizo os diversos cargos públicos deixaron, sobre o papel, de poderen utilizar os seus cargos para tentar apañar votos. No entanto, a proximidade das eleccións deste domingo multiplicou os anuncios máis ou menos publicitados de obras e promesas de investimentos. Un caso paradigmático é o do Goberno de España que, no caso galego, vén lanzando practicamente un anuncio diario para Galicia dende que comezou a campaña electoral.

Os anuncios e promesas do gabinete de Mariano Rajoy para Galicia nas semanas previas ao 24-M canalizáronse a través dos ministerios de Agricultura, Xustiza, Emprego e, sobre todo, Fomento, cuxa titular, Ana Pastor, veu protagonizando ademais diversos actos dentro da campaña electoral do PP. Así, por exemplo, o xoves día 7, a poucas horas do inicio formal da campaña o Ministerio de Agricultura anunciaba o comezo das obras de mellora do abastecemento de augas en Ourense e Fomento publicitaba ata tres obras distintas: novos accesos á nacional VI en Oleiros, a evolución das obras da terceira rolda da Coruña -inaugurada pola propia ministra a finais de marzo- e a rehabilitación dun treito da A-52.

Fomento anunciou durante a campaña obras en Oleiros, na Coruña ou Pontevedra

No primiero día de campaña, o 8 de maio, o Goberno central remitiu á prensa galega un comunicado sobre os investimentos que estaba a realizar para paliar os danos dos últimos temporais e poucos días despois, o 15 de maio, Pastor protagonizaba na súa calidade de ministra un encontro coa Confederación de Empresarios de Galicia no que non aforrou mensaxes en clave netamente electoral. A titular de Fomento debuxou un panorama no que "se está acelerando o crecemento económico", que estaría en risco se se perde a "estabilidade política". Por iso, explicou, cumpría evitar o acceso aos gobernos de "populismos" e dos que "non fixeron nada" e non teñen "experiencia". "Para España sería tremendo cambiar o rumbo", advertiu, mentres eloxiaba investimentos do seu propio departamento, como o tren do Eixo Atlántico.

Visita oficial e de partido

Tres días despois desa conferencia de Pastor viaxou a Galicia a ministra de Emprego, Fátima Báñez, que acudiu ao país cun programa duplo: visita oficial e acto de partido. Na parte oficial da viaxe Báñez protagonizou unha escena tan electoral como subir a un barco bateeiro, facer unha foto comprobando a calidade dos mexillóns e, dende alí, prometer a regulación das prestacións sociais dos profesionais do mar. De paso, a ministra prometeu a creación de 35.000 empregos en Galicia. Horas máis tarde Báñez subiu ao escenario do mitin do PP en Lugo para pedir o voto polo seu candidato na cidade, Jaime Castiñeira, volver prometer o mesmo número de empregos e, malia atoparse no interior, anunciar tamén vantaxes para os mariñeiros.

Báñez prometeu 35.000 empregos en Galicia nun acto oficial e, horas despois, nun mitin

Ao día seguinte do periplo de Báñez tomoulle o relevo o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, de visita para manter unha xuntanza con "operadores xurídicos" e recoller "de primeira man", segundo o comunicado oficial, as súas inquietudes e suxestións para a mellora da Xustiza". Aproveitando a visita catalá concedeu unha entrevista a La Voz de Galicia na que prometeu o mantemento dos partidos xudiciais, unha das grandes frontes abertas polo Ministerio na etapa de Ruiz-Gallardón. Na mesma xornada o ministerio de Agricultura fixo pública a súa intención de lanzar novas medidas de "apoio" ao sector lácteo galego.

Saneamento do Sar e AVE a Lugo

Con esta dinámica foise achegando o remate da campaña e Fomento aínda tivo tempo para anunciar obras de saneamento do río Sar en Santiago, incluídas nun convenio asinado en 2014, e, este mesmo venres, de publicitar a licitación "por 8,9 millóns de euros obras de mellora no tramo Vigo-Porriño da A-55" en Pontevedra. Esta mesma xornada, precisamente, Ana Pastor participa nun mitin do seu partido en Vigo no que tamén intervén a vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría.

Pastor resucitou a promesa do AVE a Lugo, que Feijóo prometeu construír con cartos da Xunta en 2009

Culmina así toda unha espiral de anuncios na que a propia ministra de Fomento tivo tamén tempo para rescatar o que xa é un clásico das campañas electorais: o AVE a Lugo, o mesmo que Alberto Núñez Feijóo xa prometera en 2009 construír con fondos da Xunta se Fomento non o facía. Tras participar nun mitin en Becerreá a ministra insistiu en que o "proxecto" da alta velocidade ata a capital lucense "segue adiante" e apoiou a súa afirmacion no proxecto da variante da Pobra de San Xiao, que o Estado veu incluíndo nos seus Orzamentos ano tras ano sen que apenas se producisen avances. "O PP, o goberno de Rajoy, ten unha marca, que é a marca AVE", proclamou. "Aquí faremos o AVE", asegura.

Báñez, con Rosa Quintana durante a súa visita oficial © Xunta
A ministra Báñez, xunto a Feijóo nun mitin do PP CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.