O Goberno de Rajoy incumpriu a Constitución coa súa lei para pagar ensino só en castelán en colexios privados

Wert preside unha conferencia sectorial fronte a Jesús Vázquez, daquela conselleiro de Educación © Goberno de España

Foi unha das medidas educativas estrela da lexislatura de Mariano Rajoy con maioría absoluta, canalizada a través do ex-ministro José Ignacio Wert. O Goberno de España aproveitou en 2014 o desenvolvemento regulamentario da aínda vixente -con escasas modificacións- lei educativa, a LOMCE, para concretar o plan que Wert resumira coa súa aposta por "españolizar" o alumnado catalán. O procedemento elixido foi o de subvencionar colexios privados ás familias que solicitasen ensino en castelán. Aínda que a medida era aplicable a todo o Estado tratábase dun proxecto político co foco posto en Catalunya e fora o Goberno da Generalitat un dos que levara este e outros preceptos da lei ante o Tribunal Constitucional, que vén de ditaminar a inconstitucionalidade do artefacto legal.

A sentenza datada neste 20 de febreiro anula os parágrafos da LOCME nos que se recolle que as comunidades autónomas deben garantir que o castelán sexa a lingua vehicular dos estudos. Considera inconstitucional a fórmula elixida polo gabinete de Rajoy para obrigar os gobernos autónomos a pagar a matrícula privada ao ver claro que "non respecta a reparticición de competencias" entre Estado e comunidade autónoma e que, ademais, artellou unha medida que non conta co "mínimo grao de obxectividade esixible". Non en van, a lei permitía o pagamento da escola privada en castelán se unha inspección ditaminaba a inexistencia dunha "oferta docente razoable" en castelán no ensino público.

O Constitucional sentencia que o Goberno central invadiu competencias autonómicas co seu sistema de subvencións para o ensino privado en castelán, artellado sen "a mínima garantía de certeza xurídica" nin o "mínimo grao de obxectividade"

O que fixo o Goberno do PP, resalta o TC, foi poñer en marcha un sistema sen "as mínimas garantías de certeza xurídica" no que o único criterio é o indefinido concepto de "razoable". "A isto -abonda- engádase que o procedemento se deseñou sen establecer un mecanismo previo de intercambio de información" entre as Administracións. A LOMCE só concedía á comunidade autónoma en cuestión un trámite de "audiencia", sen máis marxe de manobra malia ser a competente en materia educativa. "Corresponde ao Estado velar polo respecto dos dereitos lingüísticos no sistema educativo, pero (...) sen desbordar as competencias que constitucionalmente lle están reservadas", indica.

A sentenza chega en plena aposta do PP por reactivar a guerra lingüística fronte ao ascenso de Ciudadanos nas enquisas electorais

Esta sentenza, que si considera que o Goberno de España se axustou ás súas competencias noutros aspectos controvertidos da LOMCE como as reválidas -xa modificadas parcialmente dende que o PP perdeu a maioría absoluta-, chega escasos días despois de que o propio Executivo central e a cúpula dos populares reavivasen a guerra lingüística á calor da aplicación do artigo 155 da Constitución á Generalitat. Así, tras o duro pau electoral dos de Rajoy nas eleccións catalás e despois de que Ciudadanos anunciase a súa intención de impulsar unha reforma legal para que o castelán sexa o único idioma esixible no acceso ao emprego público, diversos cargos do PP aseguraron que se dispuñan a implantar un novo sistema segundo o cal as familias catalás decidirían a lingua do ensino. O propósito, dixeron sen concretar máis, sería garantir o "dereito" a recibir educación en castelán e rematar co modelo da inmersión lingüística, vixente en Catalunya dende hai tres décadas.

As catro familias da 'imposición' do galego

Algúns destes anuncios concretáronse un pouco máis e foron formulados dun xeito case idéntico ao dunha das promesas máis pirotécnicas de Alberto Núñez Feijóo na súa etapa como líder da oposición e candidato á Presidencia da Xunta, a "casilla en el sobre de matrícula" para decidir a lingua do ensino, promesa que nunca chegaría a cumprirse e que acabaría nunha enquisa frustrada polos tribunais de xustiza. Aquela promesa electoral do PPdeG chegara ligado á denuncia dun suposto "conflito lingüístico sen precedentes", en verbas de Feijóo ligada á alcumada como "imposición" do galego en Galicia.

Os sucesivos datos de uso do galego entre a infancia certificarían nos anos seguintes que a suposta presenza maioritaria do galego nas aulas non se correspondía coa realidade e que a demanda de ensino monolingüe en castelán era residual. Así o admitiu por escrito a Consellería de Educación en 2012 e así o revelou, precisamente, a implantación da medida da lei Wert agora anulada polo Constitucional. Non en van, no inicio do sistema de subvencións de ensino privado en castelán agora suprimido as solicitudes formuladas en todo o Estado foran só 35, 4 delas en Galicia. Os datos máis recentes de Catalunya, como informa Pau Rodríguez para eldiario.es, indica que mentres a norma estivo vixente rexistráronse unhas 150 peticións das que foron estimadas arredor de 50.

Rajoy e Wert, nunha imaxe de arquivo © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.