O Goberno de Rajoy oculta os seus primeiros voos en avións oficiais tras desvelar os que fixo o ex-ministro Blanco

Resposta de Fomento hai ano e medio en aplicación da Lei de Transparencia ofrecendo datos desde 2009 CC-BY-SA Praza Pública

O diario El País publica este venres un listado cos nomes dunhas 500 persoas que viaxaron a bordo de 220 voos oficiais realizados nos avións militares do Grupo 45, os coñecidos Falcon. A Audiencia Nacional, a petición da Fundación Civio, obrigou ao Goberno a facer públicos eses nomes en aplicación da Lei de Transparencia, pero o listado só inclúe datos desde decembro de 2014, cando entrou en vigor a norma. Porén, hai ano e medio o Ministerio de Fomento daquela dirixido por Ana Pastor facilitara información previa a esa data, publicada por Praza.gal e tamén requirida en aplicación da Lei de Transparencia, que reflectía que desde 2009 o ex-ministro socialista José Blanco empregara os Falcon cinco veces para desprazarse a Galicia por dúas da propia Pastor.

A lista non contén datos dun voo do ex-ministro canario José Manuel Soria a Canarias facilitados a Praza.gal polo Ministerio de Industria, evidenciando os dispares criterios de transparencia do Goberno

A información agora publicada por El País ratifica, como xa avanzara Praza.gal, a disparidade de criterios do Goberno á hora de responder a peticións de información en aplicación da Lei de Transparencia. O novo listado, ao contrario do facilitado a este diario, non indica as datas dos voos e só nalgún caso indica os destinos.

No seu momento a información publicada por Praza.gal pretendía analizar que uso realizaran dos avións oficiais os ministros galegos de Fomento de PSOE e PP, que adoitaban axustar as súas axendas oficiais para ter actos en Galicia nas fins de semana. Para poder comparar, tamén se preguntara ao Ministerio de Industria polos voos a Canarias do ex-ministro canario José Manuel Soria. Daquela, mentres Pastor si ofrecera información sobre os voos do seu predecesor Blanco previos á entrada en vigor da Lei de Transparencia, Industria só os facilitara con posterioridade a esa data. Con ese criterio informara de que Soria só empregara unha vez un avión oficial para desprazarse a Canarias e explicaba que o fixera acompañado do embaixador dos Estados Unidos, James Costos. Porén, no listado agora facilitado polo Goberno co mesmo criterio de que sexan voos posteriores a 2014, o nome de Costos non aparece.

O listado agora publicado por El País reflicte unha viaxe Madrid-Vigo co ministro de Xustiza da viguesa Lucía Molares, responsable da entidade estatal de solo

Un dos poucos voos nos que se indica o destino no listado publicado por El País é un realizado polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, no que se di que no traxecto Madrid-Vigo foi acompañado pola viguesa Lucía Molares, responsable da entidade estatal de solo público (SEPES), organismo que nada ten que ver co seu ministerio. Molares, que foi concelleira en Vigo e delegada na cidade da Xunta de Feijóo, acompañou en outubro de 2015 a Catalá nunha visita que este fixo á sede local do PP no marco dunha viaxe do ministro a cidade na que tivo tamén axenda pública do seu departamento.

Lucía Molares, agora responsable da sociedade estatal do solo, nun acto con Feijóo, e a información sobre a súa viaxe Madrid-Vigo co ministro de Xustiza Dominio Público Xunta de Galicia e El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.