Un condenado por fraude fiscal, unha dimisión tras ser detido e outra máis ao acumularse unha querela á imputación no caso Pokémon, a mesma na que están imputados o anterior o alcalde, o actual e unha concelleira máis. Este é o panorama no que chega ao Concello de Santiago a condena a nove anos de "inhabilitación especial para o exercicio de emprego ou cargo público" para sete dos trece edís do equipo de Goberno, todos os que asistiron á sesión da Xunta de Goberno local que aprobou pagar con fondos públicos o avogado de Adrián Varela, o edil incausado no caso Pokémon que a pasada semana renunciou ao seu posto.
Dúas semanas despois de pasaren polo banco dos acusados o xuíz Jesús Leal vén de atender á petición da Fiscalía cunha sentenza contra a que cabe recurso e que configura un goberno na capital de Galicia no que só tres dos seus trece membros están na actualidade libres de problemas coa Xustiza. Neste contexto, todo semella indicar que o gabinete que dirixe Ángel Currás ten os días contados e o balón cae directamente ao tellado de Alberto Núñez Feijóo, tanto na súa condición de presidente da Xunta como na de líder do PP galego.
Feijóo ten diante de si a opción de nomear edís non electos ou de tramitar a intervención do Concello
No caso de que os sete condenados abandonen o goberno municipal non abondaría cun mero corremento de lista, toda vez que esta operación implicaría a entrada ao consistorio da deputada no Congreso Marta González e, sobre todo, do conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. Así as cousas, e xunto coa remota posibilidade de botar mans dos suplentes ata a fin do mandato, Feijóo ten diante de si as opcións de nomear edís non electos -ao abeiro da lexislación de grandes cidades- ou de iniciar os trámites para a pedir a intervención do Concello, ao xeito do acontecido en Marbella.
A sentenza
A xuízo do maxistrado o acordo de pagarlle o avogado a Adrián Varela sen "darlle os requisitos xurisprudenciais establecidos" polo Tribunal Supremo foi unha "gravísima inxustiza", xa que "é unha lesión do interese colectivo da cidadanía, xerándose o tipo da prevaricación administrativa que tan acertadamente cualificou o Ministerio Fiscal". Os edís, di a sentenza, "inxustamente e prevalecéndose da súa condición de autoridade, obraron a sabendas da arbitrariedade do acordo que estaban adoptando, todo isto en beneficio exclusivamente particular, coa fin de favorecer un compañeiro" imputado "por varios delitos contra a Administración pública". Por isto, abonda, "adoptaron de forma incondicionada o acordo asumindo un gasto a cargo do Concello" e "prescindindo en todo momento das esixencias normativas".
O xuíz cre que os edís cometeron unha "gravísima inxustiza", prescindindo "das esixencias normativas"
Atendendo ao ditame, o xuíz non dá por válidas as principais explicacións ofrecidas polos acusados no xuízo oral e amósase convencido de que "foron en todo momento sabedores de que a resolución non se axustaba a dereito". As declaracións dos procesados "son facilmente refutables e pouco cribles", tanto polas "contradicións" entre eles como porque "é un feito facilmente verificable nas hemerotecas" que no seo do goberno local era sabido que Varela estaba imputado na Pokémon e, polo tanto, por corrupción. Os edís manteñen que obraron guiándose por un informe do secretario municipal, pero este argumento "afástase de toda realidade" e "reflicte un interese exculpatorio bastante clamoroso".
O maxistrado cre que algúns dos argumentos dos acusados se "afastan de toda realidade"
Tampouco lle vale ao xuíz a insistencia dos edís en que non foron eles quen redactaron o acordo, senón unha funcionaria. "O redactar ou non directamente o acordo" é unha tese "totalmente irrelevante" á que, di a sentenza, se lle tentou "dar a nota exculpatoria que esta circunstancia non ten". En síntese, os agora condenados "non actuaron conforme a Dereito e todo isto a sabendas", cometendo unha ilegalidade "evidente, patente, flagrante e clamorosa". "Utilizar ao seu antollo ou beneficiarse dunha determinada actuación baseada en procedementos regulados en beneficio de intereses particulares vai indiscutiblemente parello ao menoscabo e prexuízo dos intereses xerais", explica.