O 26 de febreiro de 2011 era, como o de 2015, un anubrado día de precampaña municipal en Lugo e en Galicia. Nesa xornada as principais autoridades lucenses e galegas tiñan unha cita para inaugurar oficialmente "un edificio moderno e funcional que xa é unha realidade máis de dez anos despois de concibirse como proxecto", o Hospital Lucus Augusti. Naquel publicitadísimo acto Alberto Núñez Feijóo, que levaba apenas dous anos á fronte da Xunta, lanzou unha promesa que na actualidade, xusto catro anos despois, é o principal lastre para o Goberno e o partido que o sustenta na cidade e no conxunto da provincia de Lugo: a instalación inmediata dos servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear.
Ante o panel deseñado para a ocasión Feijóo anuncioulles aos congregados que nese mesmo trimestre o seu Goberno ía licitar os servizos pendentes. Esta, indicou, era a mellor mostra do seu "compromiso de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", do 2011. Todo isto sucedería grazas ao "esforzo contrarreloxo" da Xunta para inaugurar un centro hospitalario que reflectía o "espírito dunha comunidade forte que non se pecha en si mesma a pesar das limitacións económicas". Era, en definitiva, "un paso histórico".
Feijóo comprometeuse a que os servizos comezasen a funcionar no propio 2011
O seu gabinete, explicou naquel acto o presidente, traballara "con axilidade" para "converter un edificio baleiro nun moderno hospital público" coa "última tecnoloxía" en materia de confort pero tamén no ámbito estritamente médico. Os investimentos ían lograr que o HULA fose dende ese mesmo 2011 o "referente provincial de hemodinámica ou radioterapia". "Cada infraestrutura que se abre, cada servizo que se mellora, ten unha transcendencia importantísima para Lugo", son "posibilidades que nacen e fan a nosa terra máis forte, máis competitiva e máis igualitaria", concluíu aquel día.
A situación catro anos despois
Catro anos despois só un dos tres servizos prometidos por Feijóo está en marcha e só de maneira parcial. É o de hemodinámica, o encargado de atender infartos, que funciona dende comezos de 2014 pero só en horario de oficina, porque que as doenzas cardíacas que se producen fóra de horas ou en fin de semana teñen que seguir sendo tratadas na Coruña, provocando que só un terzo das persoas infartadas na provincia lucense poidan ser atendidas a tempo, segundo datos do propio hospital. O xefe de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, reclamou recentemente a apertura da unidade as 24 horas, medida que tería un "impacto indubidable" nas cifras de mortalidade e que só tería o custo de "contratar un hemodinamista máis", afirma. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, teima en negarse.
Sanidade négase a que Hemodinámica funcione 24 horas e sitúa a instalación de radioterapia e medicina nuclear ao longo de 2015
No que atinxe aos outros dous servizos, os destinados ao cancro, os últimos prognósticos falan de media década de atraso, aproximadamente. Despois de que o PP recortase a iniciativa lexislativa popular que esixía a súa instalación en seis meses o Goberno anunciou un novo prazo, 18 meses a contar dende finais de 2014, e despois asegurou que ese novo horizonte podería ser, finalmente, este 2015, grazas á resolución definitiva do macro contrato tecnolóxico que o Sergas tramita dende hai dous anos. "Se poñerá neste ano 2015 non só o acelerador liñal [equipamento de radioterapia] senón tamén a medicina nuclear", afirmou Feijóo o pasado xaneiro.
Mobilización veciñal e liorta política
Os catro anos de espera non só traen consigo as consecuencias evidentes dunha atención deficiente aos infartos ou ao cancro, senón tamén unha crecente indignación en Lugo. Despois dos últimos acontecementos a plataforma cidadá que vén reclamando a instalación dos servizos advertiu de que as súas protestas "van arreciar" nos vindeiros tempos, incluíndo a celebración dunha manifestación nos últimos días da campaña electoral municipal. Mentres, tentan averiguar a través do Valedor do Pobo os datos de mortalidade do HULA que o propio Sergas lles nega e traballan para empapelar a capital lucense con cartaces e bandeirolas coa súa reivindicación. "Non podemos tolerar que morra xente porque ao Goberno se lle antolla", resumiu en declaracións a Praza o coordinador do colectivo, José Manuel Carballo.
A plataforma cidadá advirte de que a mobilización "vai arreciar" nos vindeiros meses
Mentres, no ámbito puramente político un dos dirixentes máis prexudicados polo conflito está a ser o aspirante do PP á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, que nas últimas datas se vén esforzando por amosarse como garante da instalación dos equipamentos do HULA. Mentres, o pleno da Deputación provincial vén de sacar adiante unha declaración de "persoa non grata" para a conselleira de Sanidade que terá tamén a súa réplica no Concello lucense. O presidente da Xunta, pola súa banda, proclama catro anos despois do inicio da historia que o bipartito "deixou baleiro o edificio" do hospital. "Cando o fixeron non había sala de hemodinámica e non tiñan previsto poñer radioterapia, e agora se está mercando o acelerador e se vai poñer medicina nuclear", díxolle este mércores ao PSdeG no Parlamento.