O incendio político: "Feijóo xa ten o seu Prestige"

Incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública

Ata onde chega a "responsabilidade" dos grupos políticos ante os incendios? Esta é a pregunta que deixan no aire as primeiras reaccións dos grupos parlamentarios galegos ante a catástrofe incendiaria das Fragas do Eume. Ao contrario do que acontecía nas crises incendiarias con Manuel Fraga no Goberno, o actual contexto ten a peculiaridade de que en poucos anos as tres forzas políticas pasaron polo Goberno e, polo tanto, as tres tiveron a misión de xestionar o operativo contra as lapas, pero tamén a de facer oposición mentres o monte ardía. Neste contexto, o grupo que sustenta o Goberno, o PP, lanzou este luns a mensaxe agardada, a da pechada defensa da xestión realizada pola Xunta, aínda que obviando o papel da súa propia formación cando quen sentaba en San Caetano eran un presidente socialista e un conselleiro nacionalista.

"Reacción inmediata" e "colaboración exemplar" son os termos en que voceiro dos conservadores na Cámara, Pedro Puy, define o acontecido durante a fin de semana nun incendio no que en ningún momento houbo "escaseza de medios", mantén. Neste contexto, o parlamentario xustifica tamén que este luns o presidente da Xunta abandonase Galicia para acudir ao Comité Executivo do PP. En Madrid, na sede do seu partido e non en dependencias oficiais, Feijóo "está a realizar xestións" sobre o incendio. "Xa se entrevistou co ministro de Agricultura" e logrou o "desbloqueo de 150 millóns de euros para facerlle fronte á seca". Ademais, tamén sen saír da madrileña rúa de Génova, "vaise reunir co presidente do Goberno" para "formular unha proposta en firme para cambiar a reprobación penal dos incendiarios". Case á mesma hora, desde Madrid, o propio presidente reiteraba a mensaxe con idénticas palabras e engadía que as noticias que lle chegan dende as Fragas permiten albergar a esperanza de ter "boas noticias ao longo do día".

O PP di que Feijóo aproveita a súa presenza na Executiva do PP en Madrid para realizar "xestións" ante o Goberno central, PSdeG e BNG acúsano de "agacharse"

O portavoz popular tamén entraba, a preguntas dos xornalistas, de cheo na comparación na actitude dos conservadores no Goberno e na oposición. "Cando o país se enfronta a un inimigo común, que é un incendiario e hai persoas traballando arreo para minimizar os danos, empezar a falar de mobilizacións políticas dá unha imaxe dun comportamento irresponsable". A actuación da actual Xunta, ademais, asegura, non ten nada que ver coa do bipartito. Respondía así Puy á voceira socialista de medio rural, Sonia Verdes, que minutos antes vía "constatado" que  Feijóo "xa ten o seu Prestige" e que "amosa a mesma ineficacia e descoordinación que cando Rajoy falaba de "hilillos de plastilina e as praias se enchían de chapapote". "Nin isto é o Prestige nin os danos son equivalentes", retruca Puy.

Pero a benevolente avaliación dos populares non cadra coa da oposición socialista nin tampouco coa do BNG, que por boca da súa voceira parlamentaria, Ana Pontón, subliña que é compatible ser "respectuosos en relación cun problema estrutural como é do dos lumes" con advertir de que "o señor Feijóo non pode agacharse" de cales son "as súas responsabilidades polo desmantelamento" do operativo anti incendios e por "recortar 7 millóns de euros no servizo de extinción" e "20 millóns nas políticas de prevención".

Nesta liña, socialistas e nacionalistas coinciden en reclamar a presentación inmediata dun plan de restauración para as Fragas do Eume e en criticar que non estea despregado o 100% do operativo contra o lume malia ás condicións "excepcionais" de seca que vén vivindo Galicia nos últimos meses. Do mesmo xeito, tampouco pasa desapercibida a "ausencia" do presidente cando as Fragas do Eume xa estaban a arder. "A prioridade era asistir a unha gala dun xornal", critica Sonia Verdes.

Puy, Verdes e Pontón © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.