O maquinista do tren Alvia accidentado o pasado mércores en Santiago de Compostela, Francisco José G.A., pasou xa a disposición xudicial este domingo ao redor das 18.20 horas, a onde chegou conducido e esposado pola Policía Nacional. Algo menos de hora e media antes de que rematase o prazo de 72 horas desde a súa detención, o condutor do ferrocarril entrou no xulgado de Fontiñas, onde o maxistrado Luis Aláez lle tomou declaración durante unhas dúas horas, logo que desde o pasado venres se acollese ao seu dereito a non declarar. Desta vez si o fixo, tal e como confirmou o seu avogado. O condutor quedou en liberdade con cargos, foi inhabilitado para manexar ferrocarrís e o maxistrado retíralle o pasaporte e obrígao a comparecer cada semana no xulgado.
O maquinista tería recoñecido a Renfe e ao delegado do Goberno que cometeu un erro e viaxaba a unha velocidade maior da permitida
A Policía acusa o condutor dun suposto delito de homicidio por imprudencia. Precisamente, o atestado policial, segundo adianta a Cadena Ser, atribúe o accidente ao erro humano provocado por un despiste do maquinista, que tería confesado a Renfe e ao delegado do Goberno, Samuel Juárez, que se equivocou e que viaxaba a unha velocidade moi superior á permitida na curva da Grandeira, á altura de Angrois, onde se produciu o accidente. No entanto, os investigadores non descartan hipótese ningunha e analizan a seguridade da vía, a sinalización dos diferentes tramos, así como os sistemas de seguridade e de comunicación da cabina.
A empresa ferroviaria Renfe persónase na causa aberta polo accidente do tren coa finalidade de poder estar presente na declaración que este domingo se prevía que realizase ante o xuíz o maquinista do convoi accidentado e coñecer así como evoluciona a instrución.
A cifra de vítimas aumenta a 79
Por outra banda, e segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, o número de vítimas mortais do accidente de Angrois elévase xa ás 79 tras o falecemento dun ferido que estaba ingresado no Hospital Clínico de Santiago. Hai 70 pacientes ingresados nos hospitais galegos, dos que 22 están en unidades de críticos.
Ademais, este luns a partir das 19 horas celebrarase o funeral oficial polas vítimas do accidente na catedral de Santiago de Compostela. A el acudirán unha morea de cargos públicos.