O titular de Transportes responde así no Senado á pregunta do PP polos prazos da obra, pendentes das probas de seguridade do sistema que fallou no accidente de Angrois
No accidente de Angrois o sistema de seguridade ferroviaria propio do AVE, o ERTMS que controla en todo momento a velocidade dos trens, estaba desconectado porque fallaba e o sistema convencional de respaldo, o ASFA, non puido evitar o exceso de velocidade do Alvia. As probas pendentes de realizar do sistema ERTMS son o que impide agora que o Ministerio de Transportes poida dar unha data concreta para a posta en servizo do AVE coa Meseta, cuxas obras están a piques de rematar.
Nese contexto, este martes o ministro, José Luis Ábalos, asegurou no Senado, en resposta ás peticións de explicacións do PP por esa demora, que o presidente Feijóo lle “suxeriu” inauguralo antes sen agardar polo ERTMS de máxima seguridade senón só co ASFA de inferiores prestacións.
"Mire que se nos suxeriu polo seu presidente que con ASFA igual podiamos chegar antes, e ao mellor teriamos chegado antes, pero estamos falando de Galicia, e estamos falando da seguridade ferroviaria"
Na súa intervención no Senado, o ministro Ábalos asegurou ao PP que na situación actual, con todos os traballos adxudicados e executándose, os “receos” xa non teñen sentido e a data de posta en servizo xa é só unha cuestión técnica, non de decisións políticas. Ábalos lembrou que a liña entre Galicia e a Meseta contará co sistema de seguridade propio do AVE, cuxas probas deben ser validadas pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, independente do ministerio.
“Implantamos o sistema de seguridade ERTMS nivel 2, mire que se nos suxeriu polo seu presidente que con ASFA igual podiamos chegar antes, e ao mellor teriamos chegado antes, pero estamos falando de Galicia, e estamos falando da seguridade ferroviaria, e evidentemente é preferible poñer o nivel máximo de seguridade que non despois, en previsión; que xa temos experiencia, non corramos, non nola xoguemos en seguridade”, dixo o ministro.
Fontes do ministerio din que a suxestión foi lanzada por Feijóo nunha reunión en Santiago, e que o ministro negouse lembrando o accidente de Angrois
Fontes do ministerio sinalaron posteriormente a Praza.gal que a suxestión foi lanzada por Feijóo nunha reunión entre os dous en Santiago, e que o ministro negouse lembrando o que pasou en Galicia, en referencia ao accidente de Angrois. Nese sinistro, o sistema ERTMS fora desconectado un ano antes porque fallaba e non foi reparado nese tempo. O sistema que estaba activo era o ASFA, o que levan os trens convencionais, que non estaba configurado para evitar un exceso de velocidade como o que se produciu ao despistarse o maquinista do Alvia cunha chamada do interventor do tren. O descarrilamento deixou 80 mortes.
O anterior Ministerio de Fomento xa puxo en servizo varias liñas de AVE de forma inicial só co sistema ASFA, que só permite velocidades inferiores aos 200 quilómetros por hora, para posteriormente activar o ERTMS, pero ese procedemento, segundo fontes técnicas, acababa sendo máis complexo e longo.
O Goberno galego di que Ábalos “é especialista en inventar escusas cando se atopa en problemas”
Consultado por Praza.gal, o Goberno galego di que Ábalos “é especialista en inventar escusas cando se atopa en problemas”. A Xunta asegura que “as peticións galegas son claras, están recollidas por escrito e non figura un AVE con sistema ASFA” e lembra que “hai lugares onde o AVE comezou a funcionar con ASFA para despois introducir o ERTMS”, como o Eixo Atlántico actualmente ou treitos previos da liña coa Meseta, onde aínda non se mellorou o sistema de seguridade, polo que se pregunta se “está insinuando o señor Ábalos que o AVE Atlántico e treitos do AVE a Galicia que está en funcionamento non son seguros”.