“Boas tardes, o meu nome é Alfonso Alonso e estou no Ministerio de Sanidade”. Así comezou a súa intervención no mitin da noite deste luns en Santiago o político popular logo de que durante un paseo previo polas rúas de Compostela, rodeado de cámaras, escoltas e compañeiros locais do seu partido, houbese quen o confundira co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Pode que algún santiagués non soubera quen é o ministro de Sanidade, pero el si sabía onde estaba, nunha cidade na que “o alcalde non entra na catedral, vai ser por iso que non hai fochancas dentro da catedral”.
O presidente galego obvia as cuestións sanitarias e os dous cargan contra os gobernos locais de Santiago e Vitoria por non arranxar as fochancas e non cortar o céspede
O ministro comezou a súa intervención nunha ateigada sala Capitol pedindo aos posibles votantes do PP “ilusión e alegría” para obter “moderación”. “Moderación apaixonada”, chegou a reclamar. Continuou con críticas ao goberno local de Compostela Aberta, ao que equiparou co da súa cidade, Vitoria, da que foi alcalde oito anos, onde agora “chámanse doutro xeito pero son o mesmo, Podemos”, e gobernan “con Bildu, que é... en fin”. E se en Santiago o problema son as fochancas nas rúas, na súa cidade “hai algún neno que se perdeu no parque”, chanceou, porque ao seu alcalde “deulle por non cortar a herba”. E como Alonso non só tiña claro en que cidade estaba senón tamén con quen compartía mitin, deixou para o final os eloxios ao seu compañeiro de estrado, Feijóo, do que dixo que conseguiu para Galicia “unha sanidade que é punteira dentro da sanidade de España”, “envexada” fóra de aquí e acadada polo presidente galego, dixo o ministro, “coidando do voso bolso, gastando o que se tiña que gastar, non gastando máis”. Díxoo poucas horas despois de que se reavivara a polémica polas mortes de enfermos de hepatite que investiga a xustiza por posibles demoras nos seus tratamentos. Ademais desa referencia sanitaria, o tamén ministro de Servizos Sociais cargou contra as rendas básicas que están a impulsar as mareas locais e prometen a nivel estatal tanto PSOE como Podemos. Unha medida que para Alonso “non é xusta” xa que para el “o xusto é recoñecer o esforzo, o traballo, a familia”.
Alonso cargou contra as rendas básicas por inxustas e dixo que para el "o xusto é recoñecer o esforzo, o traballo, a familia"
Alonso foi o protagonista nun mitin no que a candidata pola Coruña ao Congreso Marta González advertira de que tras o “populismo” está “o comunismo” e no que o voceiro municipal do PP, Agustín Hernández, asegurara en referencia ao goberno local de Compostela Aberta que “para aguantar a estes elementos hai que levantarse todos os días cun sorriso".
Feijóo pediu aos votantes que optaron por Ciudadanos nas pasadas eleccións xerais que agora voten o PP
Igual que Alonso, Feijóo apelou á “esperanza” e o “optimismo” dos votantes nunha sociedade que aspira que sexa “de pensamento libre”, e pediu aos que optaron por Ciudadanos nas pasadas xerais que voten agora o PP. Do PSOE o presidente criticou a súa “indefinición” sobre os seus posibles pactos tras os novos comicios e de Podemos lamentou que a “santísima trindade” do seu líder, Pablo Iglesias, sexan os presidentes de Venezuela, Grecia e España, “Maduro, Tsipras e Zapatero”.
Como en mítines e actos anteriores desta campaña estatal que serve de preludio ás autonómicas do outono, Feijóo fixo repaso ás medidas impulsadas polo Goberno galego “nestes seis meses de bloqueo” a nivel estatal. Medidas de entre as que salientou especialmente a súa decisión de “plantar un millón de castiñeiros en Galicia, iso é gobernar”. Pero nesta ocasión tamén salientou actuacións do Goberno central do PP como ter construído “máis quilómetros de AVE agora en plena crise económica que nos tempos de benestar”, actuación que relacionou cos quilómetros de estrada renovados pola Xunta para asegurar ao voceiro municipal do PP, o seu ex-conselleiro de Infraestruturas, que se as rúas de Santiago dependeran do seu goberno non habería nin unha soa fochanca.