O documento inicia agora a súa avaliación ambiental, procedemento que o bipartito quixo axilizar ilegalmente provocando a anulación xudicial de todo o plan sete anos despois
Durante a primeira década dos anos 2000 os gobernos locais de diversa cor que tivo Vigo, encabezados sucesivamente por BNG, PP e PSdeG, foron incorporando ou retirando todo tipo de propostas ao plan de urbanismo que daquela elaborou e tramitou o Concello. Pero houbo un elemento considerado central naquel documento que se mantivo con todos os partidos ata a aprobación do plan por parte da Xunta entre 2008 e 2009, a denominada Rolda, unha nova vía que recorrería toda a periferia da cidade.
Aquel plan foi anulado polo Tribunal Supremo en 2015 porque a Xunta bipartita saltara na súa aprobación un trámite ambiental rodeado de polémica. Ao tempo que a actual Xunta parcheou o Lei de Solo para facilitar que seguise a construción na cidade, o Concello tivo que reiniciar a redación dun novo documento. Agora ese novo plan sométese ao trámite de avaliación ambiental estratéxica obviado hai 12 anos e nel renúnciase de xeito expreso a aquela Rolda, que tivera rexeitamento social en diversas zonas da cidade, e que agora se quere substituír nalgún punto por outro tipo de vías igualmente de nova construción.
Este luns, tras remitirllo o Concello hai dous meses e corrixir neste tempo diversas cuestións técnicas e administrativas, a Xunta iniciou a exposición ao público durante dous meses do novo plan de urbanismo a efectos de que calquera interesado, así como as administracións implicadas, formulen as consideracións ambientais que estimen sobre el. E nel, no resumo que os propios técnicos redactores fan dun documento amplo e complexo, se sinala que tras a anulación do anterior documento polo Supremo óptase agora non por adaptar aquel plan ás novidades normativas aprobadas neste tempo, senón por reformulalo.
Os propios redactores do novo plan cualifican de "insubstituíble" a Rolda para o anterior documento e a mudan por outras vías por considerala "máis vinculada a aspectos de desenvolvemento urbanístico que non á necesidade de mobilidade”
De todos os cambios e permanencias a respecto do anterior plan, aquela vía á vez clave e polémica é posta no foco polos propios redactores do novo documento, do que din que "a súa adaptación ao novo modelo de ordenación determina en primeira instanacia a desestimación da denominada Rolda de Vigo como peza insubstituíble para a consecución dun modelo de cidade que xa non é, e máis vinculada a aspectos de desenvolvemento urbanístico que non á necesidade de mobilidade”.
Porén, malia que no novo documento efectivamente xa non aparece o gran treito máis setentrional da Rolda, desde Teis ata a autovía A-55 de entrada á cidade desde Mos, si inclúe diversas vías de nova construción na periferia inmediata da cidade máis compacta entre ese punto e a parte traseira da fábrica de PSA Peugeot-Citroën, no que sería o treito central da Rolda da que se di prescindir.
O documento di querer “reconciliar a Cidade coa súa xeografía, reforzando a directriz de desenvolvemento leste-oeste onde cobra singular importancia o curso do río Lagares"
O resumo xeral que fan os propios redactores do novo plan asegura que o seu obxectivo é “reconciliar a Cidade coa súa xeografía, reforzando a directriz de desenvolvemento leste-oeste onde cobra singular importancia o curso do río Lagares como charnela entre a cidade consolidada e densa e un territorio que, a pesar de estar fortemente comprometido pola dispersión edificatoria, mantén trazos e tramas de singular interese”. A súa aposta, din, é “garantir o mantemento da presenza de cualidades paisaxísticas ría-montes que sobreviven á contaminación da dispersión edificatoria, reconducindo os procesos de nova urbanización cara á consolidación da planta alongada da cidade central e á recualificación da súa primeira periferia con actuacións centradas na rehabilitación, renovación e rexeneración urbanas”.
A exposición pública que agora comeza será a que determine se as diversas administracións implicadas e a cidadanía en xeral consideran que esa filosofía é a adecuada e se efectivamente aparece correctamente reflectida nos centos de páxinas e planos que compoñen o documento.