O pleno da Coruña aproba a creación da área metropolitana tras anos de espera

Pleno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

A Coruña inicia por fin o proceso para a creación da súa área metropolitana. A proposta para demandar á Xunta o impulso dunha lei para creala foi aprobada no pleno deste venres no Concello por maioría absoluta, cos votos a favor de PSOE, Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos e a abstención do PP. 

Deste modo, ratifícase a Declaración de María Pita impulsada polo anterior goberno local da Marea Atlántica, pero desta vez co apoio do PSOE, que daquela non o dera malia que si saíra adiante nos demais concellos afectados co seu voto a favor. 

O pleno do Concello aproba agora o impulso á área metropolitana por maioría absoluta e o voto a prol do PSOE, que no anterior mandato non o apoiou

Precisamente, Iago Martínez, concelleiro da Marea, lembrou que fora esta formación quen apostara pola área metropolitana hai tres anos e preguntouse como se lle "explicaba" agora á cidadanía que desde aquela "non se avanzase nada". Así, lembrou que o que agora se vota é o mesmo que se intentou aprobar sen éxito no pasado mandato. "Porque non todos somos iguais e non todos poñemos por diante os intereses de parte", dixo, entre recoñecementos á "coherencia" do BNG e ao anterior alcalde, Xulio Ferreiro, presente entre o público no pleno. 

Agora, desde o Concello encargaráselle á comisión especial da área metropolitana a elaboración dunha proposta de anteproxecto de lei para lle enviar á Xunta e ao Parlamento Galego, que son os últimos responsables de dar luz verde ao proxecto. A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse a que estaría listo no primeiro trimestre do ano que vén. 

Xulio Ferreiro, Antón Sánchez e Xan Xove, no pleno © Marea Atlántica

Pola súa banda, Francisco Jorquera, portavoz do BNG, lembrou que a súa formación "nunca defendeu que A Coruña sexa unha cidade-Estado" e advertiu de que o que agora se proba supón "dotar dunha ferramenta" a unha realidade, a da área metropolintana, que xa existe. 

A portavoz do PP, Beatriz Mato, asegura que a área metropolitana está destinada ao fracaso e cuaifícaa como "un chiringuito máis"

Malia todo, o PP decidiu absterse no acordo e a súa voceira, Beatriz Mato, cualificou a área metropolitana dun "chiringuito máis" e acusou o PSOE de "non ruborizarse ao cambiar de oponión". "O único que cambiou foron os sillóns", reprochou a ex-conselleira, que cre que o proxecto agora aprobado está destinado ao fracaso. 

Desde o PSOE, o seu portavoz José Manuel Lage, rexeitou as críticas populares e destacou que o goberno local "pon en marcha un proceso de entendemento e colaboración para impulsar unha área metropolitana que xa existe", ademais de negar que sexa "un chiringuito". "Alguén pode negarse a consorciar o transporte ou o tratamento dos residuos?", preguntouse. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.