Os cinco edís que se manteñen no PP votaron contra a reprobación e renuncia impulsadas pola oposición e evitaron a súa marcha da alcaldía
A alcaldesa de Boimorto segue no seu cargo logo do apoio que este venres lle concederon os cinco edís do Partido Popular no pleno municipal, durante a votación dunha iniciativa que reclamaba a súa reprobación e mais a exixencia inmediata de dimisión. A rexedora, que se vacinou contra a COVID na primeira quenda xunto a persoal da residencia de maiores da localidade, deuse de baixa do PP tras a polémica xurdida e o expediente disciplinario aberto polo seu partido. A sanción quedou en nada tras desvincularse da formación popular, que agora a salva a ela de deixar o seu posto.
Os cinco edís que aínda se manteñen nas filas do PP en Boimorto evitaron a reprobación de María Jesús Novo, que fora impulsada polos cinco concelleiros da oposición (tres do PSdeG e dous do BNG). Votaron en contra tras as argumentacións dunha alcaldesa que asegura que "o presento escándalo" que se quere vender "non existe".
"Vacineime para salvagardar os residentes, que son a miña máxima preocupación neste tempo; nunca aceptei por un interese propio", xustifica a rexedora
Novo xustificou que fose vacinada xa no primeiro día de campaña en Galicia, malia non ser sanitaria nin cumprir os criterios para ser incluída no primeiro grupo de persoas a inmunizar. "Vacineime en aras de salvagardar os residentes, que son a miña máxima preocupación neste tempo. Nunca aceptei pór esa vacina que viña ao meu nome por un interese propio, a miña conciencia xamais o permitiría", dixo a rexedora, que presumiu do apoio da veciñanza de Boimorto e mesmo, en privado de edís da oposición.
Novo volveu xusticar a súa vacinación en que ao ser a residencia de Boimorto de xestión municipal, o posto de alcaldesa convértea de facto en xefa de persoal, unha xustificación que non convenceu nin no seu propio partido. "Visito os maiores da residencia diariamente; entre todos conseguimos mantela a salvo e tivemos cero casos de coronavirus", asegurou, tras acusar de "política rastreira" algunhas acusacións.
Entre o silencio dos concelleiros populares, que non responderon á iniciativa presentada pola oposición máis alá que co seu voto de apoio á alcaldesa, PSdeG e BNG advertiron da súa actitude. "Se non queren ser vostedes os sinalados no xornal nin ser cómplices, actúen", dixo Sandra Sánchez, voceira dos socialistas, que lembrou que, malia que Novo se deu de baixa do partido, "segue estando no grupo municipal do PP". De feito, durante a súa intervención a alcaldesa agradeceu "o apoio" do seu equipo de goberno "desde o primeiro intre" e da veciñanza de Boimorto.
"Non contestou a moitas preguntas, nin vostede nin os concelleiros do PP", lembrou Sánchez, que acusou os edís populares de "abrir o paraugas durante quince días" e que os instou a "presentar unha moción de censura" para retirar a rexedora do posto. "A alcaldesa de Boimorto segue no grupo dos populares, que son os que a poden sacar do poder municipal", engadiu. "Atrévanse algunha vez a facer algo polo seu Concello", dixo.
Desde o BNG, o seu portavoz, Xosé Luís Rivas, advertiu da táctica do PP de afastarse un chisco da alcaldesa mentres segue a polémica para readmitirla máis tarde. "Aos dous anos volvemos admitila no partido e aquí non pasa nada", asegurou o concelleiro nacionalista, que advertiu á alcaldesa de que nada aclarou sobre quen elaborou a listaxe para a vacinación na que ela foi incluída. "A pelota está no seu tellado, na do PP", retrucou a María Jesús Novo.
A vacinación da alcaldesa de Boimorto era un rumor que circulou durante semanas na localidade, segundo aseguran fontes do consistorio. A confirmación chegou xusto cando a administración da vacina por parte dalgúns cargos públicos noutros lugares do Estado, saltando a orde de prioridade prevista, ergueu a polémica e o debate político. E só un día despois de que Feijóo asegurase no Parlamento que "ningún" rexedor do PP se vacinara contra a COVID mentres si o fixeran algúns do PSOE, en referencia a algún caso coñecido noutras comunidades autónomas.
Feijóo advertira de que o "responsable e proporcional" nestes casos sería "presentar a renuncia ao cargo"
"Como membro dun goberno, ou alcalde, ou concelleiro ou un director xeral, se non está dentro do protocolo previamente pactado, non pode vacinarse", dixera Feijóo, que chegara a asegurar que os políticos deberían ser "os últimos" en recibir o fármaco.
Ademais, o presidente da Xunta asegurou que o "responsable e proporcional" sería, nestes casos, "presentar a renuncia ao cargo". A alcaldesa non só non o fixo, senón que abandonou o PP, que acabou apoiando para que se manteña á fronte do Concello en Boimorto.