O PP aprobará o último trámite da reforma sanitaria entre protestas dos colectivos a prol da sanidade pública

Manifestación contra a reforma sanitaria, o pasado 4 de febreiro CC-BY-NC GZ Foto

Foi a primeira gran manifestación do ano en Galicia tras meses de protestas por todo o país, especialmente nas comarcas máis afectadas e tamén a primeira mobilización cidadá, sindical e política que o PP galego afrontou tentando facer ver que estaba baseada en mentiras. A reforma sanitaria que introducirá relevantes cambios na lei de saúde do ano 2008 pasa este martes de novo polo pleno do Parlamento para recibir o visto e prace definitivo cos votos da maioría absoluta dos populares e mentres, na rúa, as plataformas en defensa da sanidade pública volven mobilizarse.

Tras a multitudinaria manifestación do 4 de febreiro dende SOS Sanidade Pública, así como por parte de En Marea, PSdeG e BNG, instouse os conservadores a frear a reforma e abrir un proceso de "diálogo". No entanto, as únicas achegas relevantes que foron incorporadas ao texto durante o trámite de emendas foron as redactadas polo propio PP, entre as que destaca a cobertura legal para a chegada ao Servizo Galego de Sáude de persoal médico de fóra da Unión Europea.

As únicas emendas relevantes que foron incorporadas ao texto son as do PP, entre as que destaca a que dá cobertura legal á incorporación de persoal médico de fóra da UE

Será así como, agás sorpresa maiúscula, entren en vigor todas as mudanzas no Sergas que vén defendendo a Xunta. A máis palpable será a supresión de catro áreas sanitarias -A Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco-, pasando de 11 a 7 que á súa vez se dividen en ata 14 distritos sanitarios. Non obstante, a reforma tamén introduce aspectos que serán menos perceptibles na atención médica diaria á cidadanía, pero relevantes en canto ao funcionamento interno da sanidade pública.

Como veu relatando este diario, o novo texto da lei de saúde -que xa fora reformada en ata cinco ocasións polo Goberno do PP- dará cobertura legal aos acordos con empresas sanitarias privadas como o que permitiu a unha multinacional estadounidense "testar" os seus produtos e servizos en hospitais públicos galegos. Tal e como revelou Praza.gal, eses convenios incluían anexos con condicións concretas -como o emprego de persoal e diñeiro público- que a Consellería de Sanidade se negou a revelar a doentes que os pediron formalmente, así como á oposición parlamentaria.

A reforma suprime catro das actuais áreas sanitarias e crea a estrutura de distritos, blinda os convenios do Sergas co sector sanitario privado e reduce a capacidade de acceso a contratos por parte do Consello Galego de Saúde

Outro dos puntos que cambiará na lei, á que se incorporan conceptos económicos como a aposta por tornar o "sector sanitario" nun dos "motores de desenvolvemento económico" que aumente a súa "achega ao produto interior bruto", é a posibilidade de acceder a contratos públicos por parte dos órganos de participación cidadá no sistema sanitario público. Estes órganos, como o Consello Galego de Saúde, quedan fixados na lei, pero perden o dereito específico de "coñecer e ser informado dos contratos de servizos sanitarios, dos concertos e dos programas de subvencións, así como da avaliación do informe do seguimento relativo a eles", que ata agora si tiña.

Novas protestas

Manifestación en Burela contra a reforma Sanitaria / CC BY-SA-NC CIG

Mentres no hemiciclo do Parlamento estea a desenvolverse o debate definitivo sobre a lei, no exterior do Pazo do Hórreo concentraranse membros das plataformas sanitarias. "Consideramos inaceptable a actitude do Goberno", din dende SOS Sanidade, quen lamenta que o Goberno non só "rexeitase todas as emendas de devolución" da oposición, senón que nin sequera "contestou á petición de abrir un proceso de diálogo". "Reiteramos -din- a petición de retirada dun proxecto que desmantela os hospitais comarcais, somete a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias" e ademais "privatiza a formación, investigación e innovación sanitaria" mentres "recorta a participación social no control do Sergas".

"Sorprende que informar a poboación e mobilizarse por non estar de acordo coa reforma lles pareza facer política e facer unha modificación en profundidade da lei sexa non politizar", resaltan dende a plataforma sanitaria da Mariña

Unha das plataformas sanitarias máis activas nestas protestas, a da Mariña, tamén estará presente na mobilización ante o Parlamento. Nestes meses, explican nun comunicado, "conseguimos coa nosa loita molestar e mesmo logramos que algún político do PP mariñán se avergoñase do que o seu partido está a facer coa sanidade pública na comarca". Así e todo, lamentan que nas semanas previas á aprobación definitiva o xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Ramón Ares, reitere "sen pudor" en "publirreportaxes e entrevistas a páxina completa" que "non se debe facer política coa sanidade", en referencia ás protestas.

"Sorprende", di a plataforma, que "informar a poboación do que vai significar esta reforma, mobilizarse por non estar de acordo e presentar reclamacións por agardar máis dun ano para certas probas lles pareza facer política" e, no entanto, "facer unha modificación en profundidade dunha lei sexa non politizar". "Pode -ironizan- que reformar unha lei sexa facer encaixe de bolillos". 

O conselleiro de Sanidade, nunha intervención pública ante Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.