O PP cárgalle 4.000 euros á Mancomunidade do Miñor tras perder un xuízo cunha edil do PSOE

Orde do día da Mancomunidade e detalles de dúas das facturas CC-BY-SA Praza Pública

O 30 de abril de 2013 a Xunta da Mancomunidade do Val Miñor celebraba o seu pleno na Casa do Concello de Baiona. A comarca era naquela altura un dos principais focos de protestas das persoas estafadas polas participacións preferentes, que esixían solucións ante todas as institucións políticas gobernadas polo PP. Ante a mobilización o ente supramunicipal decidiu blindar a casa consistorial con axentes de policía local de Nigrán e da propia Baiona, que ademais de evitar o paso dos manifestantes impediron tamén que accedesen á sesión dous edís do PSdeG e un do BNG sen que o daquela presidente da Mancomunidade,  o tamén alcalde de Nigrán, Alberto Valverde (PP) fixese nada por evitalo. Aqueles feitos remataron ante a Xustiza por iniciativa da socialista nicrariense Dolores Araújo e o PP vén de cargarlle ao erario o custo da derrota legal, duns 4.000 euros.

Tal e como informou Valmiñor.info, os socialistas decidiron impugnar aquela sesión á que non puideron acceder, na que se aprobaban os orzamentos da Mancomunidade. Aínda que os edís se identificaron convenientemente ante os axentes, relataron no seu momento, estes responderon cunha actitude "chulesca", limitándose a dicir que non lles "soaba" a cara da concelleira. O propio Valverde resolveu sobre esta impugnación en xuño de 2013, denegándoa, pero en decembro dese mesmo ano o xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo botou por terra os argumentos do conservador.

O xuíz ve claro que o alcalde de Nigrán "vulnerou" os dereitos da edil socialista

"Existiron dúas actuacións", a da Policía Local e a do presidente da Mancomunidade, "que confluíron na vulneración da faceta máis esencial e primaria do núcleo da función representativa", como é "o exercicio efectivo do dereito a asistir á sesión do órgano colexiado ao que estaba convocada". "Esta vulneración -explica o xuíz no seu ditame- consúmase dende o momento en que os axentes, incumprindo unha das súas funcións máis básicas, impiden o acceso" da concelleira, xa que estaban alí, precisamente, "para asegurar a celebración da sesión".

O alcalde conculcou dereitos "a sabendas"

O comportamento dos policías foi "incomprensible e ilexítimo", segundo a sentenza

Neste punto, a sentenza opta por "deixar á marxe o xuízo negativo que poida merecer a circuntancia" que o axentes "carecesen de calquera tipo de coñecemento previo respecto á identidade" dunha edil do seu propio concello, porque "a demandante exhibiu documentos" que a acreditaba como tal. O comportamento dos axentes é "incomprensible e ilexítimo" e, ante el, o alcalde de Nigrán e presidente da Mancomunidade "nada fixo" para corrixilo, "permitindo a continuación da sesión a sabendas de que estaba conculcando" os dereitos da socialista. Todo isto, conclúe o maxistrado, "constitúe motivo de nulidade de pleno dereito, porque se infrinxiu unha regra esencial para a formación da vontade do órgano colexiado".

Con este ditame sobre a mesa, este luns a Mancomunidade celebrou reunión da Xunta baixo a dirección do actual presidente, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, tamén do PP. Nesa sesión os conservadores déronlle luz verde a "aprobar, comprometer o gasto e recoñecer extraxudicialmente" facturas por importe de 5.224,95 euros, dos que 3.592,27 corresponden ao pagamento do avogado e do procurador que asistiron a Mancomunidade no xuízo. A esta cantidade súmanselle os 400 euros en costas do xuízo, que a propia sentenza estipula que recaen na entidade denunciada. En total, case 4.000 euros.

O alcalde de Nigrán, escoltado pola policía © Valminor.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.