Os populares din que o ex-subdelegado do Goberno Roberto Castro ten “o mesmo dereito a expresar as súas opinións e ideas” tras publicar en Facebook un comentario sobre Marlaska, “ese da voz aflautada”
“Está claro quen se ten que ir... Ese da voz aflautada que parece unha cupletista, que dirixe (o de dirixir é un dicir) o Ministerio do Interior... Agora, a culpa a ten a Garda Civil!!! Coma sempre, covardes en todo!!!... Vaia panda de ineptos!!!” Ese foi o comentario que publicou no seu perfil de Facebook e despois borrou o ex-subdelegado do Goberno en Ourense Roberto Castro, histórico popular ligado ao baltarismo.
As críticas que provocou a publicación no PSdeG de Ourense, que ve nela “un evidente tufo homófobo” pola homosexualidade recoñecida polo propio Marlaska, e en particular no número 2 do PSdeG na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, levou o PP provincial a emitir un comunicado de defensa de Castro. Os populares deron voz tamén ao seu número 2 na provincia por tras do seu presidente José Manuel Baltar, o secretario xeral, Rosendo Fernández, nun comunicado público no que defende que “un cidadán que non ocupa cargo político algún”, en referencia a Roberto Castro, “ten o mesmo dereito a expresar as súas opinións e ideas como calquera outro”.
Castro foi subdelegado do Goberno en Ourense durante o Goberno de Mariano Rajoy tras ser previamente director xeral de Relacións Institucionais na Xunta de Feijóo e antes deputado no Parlamento de Galicia desde 1989, sempre ligado ao baltarismo. O propio Castro borrou a publicación do seu perfil de Facebook e, segundo publica Europa Press na súa web, desculpouse e considerouna “un erro”.
O PP de Ourense, pola contra, defendeu a actuación de Castro e acusou ao número 2 do PSdeG en Ourense de intentar prohibir “a liberdade de expresión e a crítica política a afiliados populares” ao tempo que, asegura, “obriga” a militantes socialistas a difundir os contidos das súas redes sociais.