O grupo provincial do Partido Popular no pleno da Deputación de Pontevedra vén de presentar unha moción, que se debaterá no vindeira sesión, na que lle demanda á Consellería do Mar que "consensúe" a tramitación da Lei de Acuicultura e que abra "un período de consultas" cos distintos axentes do sector. Aínda que o deputado provincial Ángel Moldes, máximo dirixente da formación en Poio, considera que a norma "asegura o futuro da industria acuícola, articulando o aproveitamento sostible e eficiente dos recursos mariños" e que "sentan as bases para que esta industria poida acadar todo o seu potencial”, tamén alerta "fonda preocupación que existe entre as xentes do mar" ante o proxecto presentado polo Goberno galego. É por isto que xulga necesario abrir este proceso negociador para "mitigar as inquedanzas dos interesados e achegar posturas".
Non é a primeira vez que representantes do Partido Popular fan públicas as súas críticas a un texto que está a xerar un importante malestar no sector e un movemento de oposición crecente en moitos concellos do litoral, moi especialmente nas rías de Muros-Noia e Arousa. De feito, o pasado xoves o pleno do Concello da Illa de Arousa aprobou por unanimidade (tamén cos votos dos edís populares) unha moción, proposta pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que directamente instaba a Consellería do Mar á retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura. O texto que tamén apoiaron os concelleiros do PP denunciaba que a lei "foi elaborada de costas á realidade e aos intereses das persoas que viven do Mar de Galicia". Nas vindeiras semanas outras localidades votarán mocións semellantes (Vilanova de Arousa o luns 25, Cambados e A Pobra do Caramiñal o xoves 28) e espérase que os edís populares tamén se posicionen contra o proxecto da Xunta.
É seguro que así será, cando menos, en Vilanova de Arousa, onde o seu alcalde -Gonzalo Durán (PP)- foi un dos primeiros dirixentes populares en elevar a súa voz contra o anteproxecto, chegando mesmo a manter un enfrontamento por este tema co ex conselleiro e actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, na Executiva Provincial da formación.