O PP desdeña a lei de publicidade proposta polos medios en galego: "Non serve nin para emendar"

Treito do programa do PP en 2009 coas referencias ás axudas aos medios © PP

"Non serve nin para emendar". O pasado setembro a Asociación de Medios en Galego -da que forma parte este diario-, presentaba no Parlamento, co apoio dos grupos de AGE e BNG, unha proposta de lei de publicidade institucional con dous obxectivos principais: "cultivar, difundir e socializar o idioma galego" e que as axudas da Xunta ao sector "se repartan en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións". Este martes a proposta chegou ao pleno da Cámara a través do grupo do Bloque e obtivo o apoio de toda a oposición para a súa toma en consideración -primeiro paso da tramitación, tras a que os grupos poden presentar achegas- pero bateu non só co bloqueo, senón tamén co desdén e o menosprezo do grupo que sustenta o Goberno.

Galicia, argumentou Montse Prado no nome do BNG, "precisa unha normativa nesta materia" para garantir que as axudas e o reparto publicitario non está condicionado polos "intereses partidistas de cada momento". A formación, di, asume as reclamacións da AMEGA e avoga por condicionar as actuacións da Xunta neste ámbito ao "principio de respecto dos valores democráticos" e mais da "lingua e da cultura galega". A asociación, pero tamén outros colectivos como o Colexio Profesional de Xornalistas ou o Sindicato de Xornalistas veñen pedindo dende hai anos "criterios obxectivos" nas axudas, condicionalas ao uso do galego e á creación de emprego "estable e de calidade" e, en definitiva, á "defensa activa do ámbito informativo galego con medios non sometidos aos ámbitos políticos e económicos.

A iniciativa da AMEGA foi presentada polo BNG e apoiada por toda a oposición

A iniciativa obtivo o aval tanto do PSdeG e de AGE como do Grupo Mixto, quen lembran que o Goberno de Feijóo leva presentando a lei de publicidade institucional como unha norma de "inminente" aprobación e chaman a "ilegalizar o autobombo do goberno de quenda" e a "liberar os medios do secuestro partidista". Pero o PP, representado por Paula Prado, oponse que a norma nin sequera comece a tramitarse nunha irada intervención na que combinou as dúbidas sobre os medios impulsores da proposta e as críticas ao "desbalde" en publicidade institucional nos anos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

O desdén do PP

Segundo Prado esta lei non permitiría un "reparto equilibrado", xa que garante unha achega mínima da publicidade institucional a un "grupo de medios -os da asociación- que non achegan datos de audiencia", afirma, obviando fontes de información como Google Analytics, entre outras. "Os medios que empregan exclusivamente o galego deben cumprir cos mesmos requisitos que lles esixen ao resto", evidencia, ao tempo que acusa a oposición de pretender "darlles cartos aos medios que difunden en galego sen ter en conta o número de lectores". "Iso -acusa- si que é discrecionalidade".

Paula Prado: "Non atoparán ningunha campaña da Xunta destinada a destacar logros de xestión do Goberno"

Aínda que asegura que aínda hai tempo para que o Goberno impulse unha lei de seu, toda vez que "queda a metade da lexislatura", Prado vén afirmar que parte da regulamentación que esixe a AMEGA xa está vixente na lei estatal e, no caso concreto de Galicia, "o reparto de diñeiro público non o deciden os políticos, quen o decide é a sociedade", que "decide a través de que medios quere" informarse. O PP, afirma, é "máis de feitos que de discursos" e por iso, na actualidade, "non atoparán ningunha campaña" da Xunta destinada a "destacar logros de xestión do Goberno galego". "Nunca -proclama- houbo tanta obxectividade como co actual Goberno" á hora de repartir axudas e publicidade institucional á prensa. "Non ten vergoña", retrucoulle Montse Prado.

O contido da lei

Pero, alén das críticas, que era o que dicía a lei desbotada? Entre outros aspectos, sinalaba que a adxudicación de fondos públicos aos medios debería estar presidido polos principios de "publicidade, concorrencia e non discriminación" e que a Xunta, anualmente, debería elabora run "plan de publicidade e comunicación" que incluíse "todas as campañas de publicidade que prevea realizar", agás imprevistos, co seu custe e características básicas. Para "promover a lingua galega" a lei propuña contratar a publiciade "por separado entre os medios (...) que só empreguen a lingua galega" e os demais, "debendo garantirse que ningún dos dous grupos recibirá máis do 60% do orzamento". Asemade, engadía, "non se destinará con carácter xeral máis do 10% do total do orzamento" de cada campaña "a un mesmo medio".

A proposta incluía "promover a lingua galega" e condicionar as axudas á xeración de emprego estable

Estes criterios, e outros como a "estabilidade laboral debidamente acreditada, con datos de creación e permanencia de emprego estable e de calidade" ou a prohibición da compra de espazos na prensa para o "tratamento informativo de logros ou accións de goberno" estarían controlados por unha Comisión de Publicidade Institucional presidida pola Xunta e na que sentarían representantes do Parlamento, do Colexio de Xornalistas e da propia AMEGA. Ademais, cada ano a Xunta tería que informar por escrito ao Parlamento da súa xestión neste ámbito.

Tanto o bipartito como Feijóo prometeron aprobar unha lei de publicidade institucional

Pero, cando menos polo momento, nada disto acontecerá. Deste xeito, Galicia continuará sen lei de publicidade institucional malia ser unha promesa reiterada por, cando menos, os últimos tres Gobernos. A ocasión en que máis preto estivo de ser aprobada foi en tempos do bipartito, que chegou a iniciar un trámite parlamentario que ficou truncado co adianto electoral de 2009. Feijóo, pola súa banda, levou a promesa no programa co que accedeu á Xunta e considerou "urxente" aprobar a norma de inmediato. O propio presidente anunciouna en diversas ocasións -a última, hai un ano- sen que houbese movemento ningún ao respecto.

Esas promesas reiteradas foron, precisamente, as que lembrou a AMEGA despois de que o PP "rexeitase a posibilidade de debater o asunto". O PP, di a Asociación de Medios en Galego, "votou en contra da transparencia nas axudas aos medios de comunicación" e faino aínda que o propio presdiente prometeu "nove veces nos último seis anos a inmediata presentación da lei de publicidade institucional" sen que "en ningunha das ocasións cumprise a súa promesa".

Jorquera e Díaz, con representantes da AMEGA na entrega da proposta CC-BY-SA AMEGA
Paula Prado CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.