O PP enche de obras e promesas a campaña electoral

Feijóo, con Ana Pastor e outros dirixentes do PP © PPdeG

"O Ministerio de Fomento comezará, este mércores, a construción do enlace da nova autovía AC-15 de acceso ao porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, coa autoestrada autonómica AG-55 A Coruña-Carballo". Con esta nota de prensa, a Delegación do Goberno en Galicia anunciaba no sexto día de campaña electoral o comezo dunhas obras que durarán quince meses e que rematarán nun novo vial de cinco quilómetros fundamental para a área metropolitana da cidade.

Fomento e a súa ministra anunciarán e prometeron varias infraestruturas claves nesta primeira semana de campaña electoral

É só un dos varios anuncios que o Ministerio de Fomento fixo nesta semana en Galicia, onde se encargou de confirmar, prometer ou poñer data a obras polas que na maioría dos casos lévase agardando meses. A súa titular, Ana Pastor, aproveitou un almorzo informativo o pasado luns para anunciar que neste mesmo mes se licitarán as obras de ampliación da Autoestrada do Atlántico (AP-9) ao seu paso pola ponte de Rande e tamén na circunvalación gratuíta de Santiago. Outra obra fundamental para a que se elixiu a campaña electoral para anunciar a súa licitación.

Ana Pastor confirmou a licitación das obras de ampliación da AP-9 en Rande e na circunvalación de Santiago para este mesmo mes

Pastor fixo o anuncio nun foro patrocinado por Audasa, a concesionaria que fará a obra e a financiará para logo recuperar o investimento cunha suba de peaxes que xa foi autorizada polo Goberno central, un método que xa empregaba o anterior Executivo. Foi unha promesa en plena campaña. E non foi a única. Na súa visita a Galicia, a ministra de Fomento tamén deixou claro que en xuño licitarase a construción do contradique do Porto Exterior da Coruña ou que a Terceira Ronda da cidade estará finalizada en 2015, cunha década de atraso respecto ao propósito inicial. Pero o anuncio xa está feito. Tamén avanzou a licitación para xullo do paso inferior de Conxo, en Santiago, e prometeu que a Administración daría un forte impulso á plataforma loxísticas das Neves-Salvaterra.

A ministra anunciou avances no Porto Exterior e a finalización dunha Terceira Ronda para a Coruña que leva dez anos de atraso

Esta morea de promesas non sentou ben na oposición. O PSdeG xa adiantou que denunciará a ministra ante a Xunta Electoral por vulnerar a lei que impide "actos propagandísticos do Goberno en campaña", aínda que non é a primeira vez que se fai. José Blanco, actual candidato galego dos socialistas para as eleccións europeas, tamén o fixo, ao igual que o ex presidente José Luis Rodríguez Zapatero. O BNG considera "ilegal e inmoral" o anuncio de Ana Pastor, que defende a xestión de Núñez Feijóo e da Xunta en actos onde actúa como ministra de Fomento e onde, por suposto, tamén prometeu que a conexión con Madrid por AVE estará lista en 2018 e que para o Eixo Atlántico rematarase en 2015. Das eivas do tren de alta velocidade, da segunda categoría á que está condenada a conexión galega por ferrocarril coa Meseta nada dixo.

Feijóo, nun acto con Ana Pastor © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.