O PP fica só na defensa do canon da auga

Varela e Pontón, en dous intres do debate CC-BY-SA Praza Pública

O canon da auga establecido pola Xunta cunha lei de 2010 e regulado cun decreto de 2012 grava o "uso ou consumo real ou potencial da auga de calquera finalidade e mediante calquera aplicación, mes mo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización puidera producir". A entrada en vigor deste tributo eliminou as exencións que, dende 1993, libraban do pagamento do antigo canon de sanemento a, por exemplo, os habitantes de núcleos de menos de 2.000 persoas nos usos domésticos. Ademais, grava captacións como pozos ou traídas veciñais, construídas con recursos da veciñanza. O PP tivo este martes a oportunidade de derrogar o canon mediante unha iniciativa do BNG apoiada polo resto da oposición, pero negouse mesmo á súa toma en consideración.

Á vicevoceira do Bloque, Ana Pontón, a situación xerada polo canon da auga lémbralle o acontecido en Porto do Son a comezos do século pasado, cando a veciñanza do concello se ergueu contra os "tributos abusivos" e rematou atacada pola Garda Civil, que "feriu centos de persoas e matou catro mulleres e un home". A reclamación é sinxela, explica: "que se suprima o canon da auga e o coeficiente de vertedura", o que non implica que non "poida haber tributación da auga, pero non esta". O sistema do gabinete Feijóo, subliña, chegou a subir algúns recibos da auga ata un 150%, unha  "suba de impostos abusiva ás rendas máis baixas mentres baixan os salarios". En negocios como locais de hostalería ata "o 30% do recibo correspóndese co canon".

Segundo o PP suprimir o canon da auga contradí unha directiva europea e reclamalo non é máis ca unha "consigna"

Pero a proposición de lei do BNG bateu, como era previsible, contra a maioría absoluta do PP, para cuxo voceiro de medio ambiente, Daniel Varela, asumir a iniciativa nacionalista traería consigo "graves consecuencias para Galicia", xa que implicaría incumprir a directiva europea da auga "dun plumazo" e poñer en risco a captación de fondos europeos no ámbito hidráulico, asegura. "Traian un texto construtivo, o demais non son máis ca consignas", mantén Varela, que recupera un clásido da dialéctica da formación conservadora para reubicar o BNG no "non".

Tanto Antón Sánchez, de AGE, como a socialista Patricia Vilán apoiaron o texto, subliñando ademais a necesidade de recuperar "a xestión pública da auga" e a primacía do "principio de capacidade económica" sobre o de "igualdade" á hora de pagar, respectivamente. "Hai alternativas máis baratas", lembrou Pontón, quen censura que a Xunta se enroque na "vía de construír depuradoras" que "desposi os concellos non teñen fondos para poder manter". O mantemento do canon supón "un auténtico atraco", "están saqueando o pobo galego", acusou, nunha afirmación que foi retirada do Diario de Sesións pola presidenta. "Aquí ninguén saquea nada", argumentou Pilar Rojo.

Varela e Pontón, en dous intres do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.