O PP gábase de "afastar do partido" as persoas imputadas unha semana despois do aval a Baltar

Feijóo e Baltar, no Congreso do PP de Ourense © PP Ourense

O pasado sábado o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, víase obrigado a renunciar á candidatura á presidencia da Xunta. As novas citacións en calidade de investigado -antiga imputación- emitidas dende Lugo pola xuíza Pilar de Lara presentáronse como atrancos insalvables para o socialista, que renunciaba nun convulso clima político tanto en Galicia como no conxunto do Estado. O paso atrás de Besteiro foi especialmente aplaudido dende as filas do PP, cuxa dirección estatal se gaba de "afastar" dos seus cargos a todas as persoas imputadas apenas unha semana despois de avalar e poñer como exemplo o presidente da Deputación de Ourense e dos populares nesa provincia, José Manuel Baltar, investigado polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo.

Poucas horas antes de que Besteiro fixese oficial a súa renuncia a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, participaba en diversos actos políticos e sociais na provincia de Albacete. Alí foi cuestionada sobre a súa opinión a respecto do líder do PSdeG e a número dous de Mariano Rajoy amosoulle a porta. O que tería que facer o político galego sería facer o mesmo que os cargos conservadores que son investigados pola xustiza, veu argumentar.

De Cospedal: "Nós o que facemos cando hai indicios razoables ou imputación é pedir responsabilidades políticas e afastar do noso partido"

"Nós o que facemos cando hai indicios razoables ou imputación é pedir responsabilidades políticas e afastar [a persoa afectada] do noso partido", sinalou De Cospedal. Por este motivo, indicou, Pedro Sánchez debera "aplicar a mesma vara de medir en todos os supostos de corrupción e ilegalidades" e, tras as imputacións ditadas por De Lara, "afastar" a Besteiro dos seus cargos, concluíu.

A esixencia da responsable da cúpula estatal do PP chegaba unha semana despois de que esa mesma directiva enviase a unha das súas integrantes, Andrea Levy, para apoiar coa súa presenza a reelección de Baltar como candidato único no congreso do PP ourensán. A poucos días de responder por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias ante unha xuíza que non desbota investigalo tamén por acoso sexual, Levy amosou os populares de Ourense como exemplo de quen leva "moitos anos traballando" e rexeitou que ninguén poida "darlles leccións". Baltar, dixo, é un candidato que "vai ben".

Os populares defenderon o apoio a Baltar como unha "obriga"

O aval de Levy e Feijóo nese congreso foi referendado nos días seguintes por outros cargos do PPdeG. Despois de que os grupos da oposición no Parlamento galego esixisen explicacións do propio Feijóo ao respecto, o voceiro popular na Cámara elevou o apoio ao barón ourensán á categoría de "obriga" do presidente da Xunta. "O señor Feijóo vai, loxicamente, a todos os congresos provinciais e é evidente que cumpre coa súa obriga" no ourensán, argumentou, nun contexto no que, ao seu xuízo, cabe definir o labor de Baltar como "magnífico" tanto na Deputación como no partido.

De Cospedal gabouse do seu xeito de proceder durante uns actos festivos en Albacete © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.