O PP galego saca peito ante Artur Mas porque Feijóo saíu "reforzado" do 21-O

Feijóo, na sesión constitutiva do Parlamento © PP

Os resultados das eleccións catalás do pasado domingo ocuparon este luns todas as portadas da prensa e foron tamén o tema máis destacado dos faladoiros políticos por todo o Estado. En Galicia a resaca do 25-N catalán chega a vinte e catro horas do inicio do segundo debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, con boa parte da oposición parlamentaria aínda en proceso de asumir e xestionar os resultados da derrota e cun PP que tenta que polas fendas da austeridade non escape a euforia, pero tampouco a reflexión motivada da perda de máis de 128.000 votos nos comicios, unha caída especialmente acentuada nas cidades que podería complicar o futuro dos populares a medio prazo.

Neste escenario o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, comparecía este luns ante a prensa para dar conta de varios asuntos de trámite relacionados co reinicio da actividade parlamentaria e tamén aproveitou para ofrecer a análise que, di, o partido realizou do panorama electoral de Catalunya. Partido da base de que o PP de Alicia Sánchez Camacho logrou un "bo" resultado -gañou 84.000 votos e un escano a respecto das anteriores eleccións- Puy coida que os comicios cataláns serven tamén como argumento para enxalzar a figura de Feijóo, candidato á Presidencia da Xunta por segunda vez dende o pasado venres.

O PP galego perdeu un 20% dos votos recibidos en 2009 e 0,89 puntos sobre o total de votos emitidos

"Dende as eleccións xerais en España houbo varios procesos autonómicos" e "en todos eles, quen estaba no goberno saíu peor do que estaba". Así, repasa o popular, "en Andalucía mantívose o Goberno" pero "cunha merma importantísima por parte do PSOE", en Asturias "mudou o Goberno" e "nas eleccións vascas, tamén mudou". Mentres, en Catalunya, "o Goberno recibiu moito menos apoio". Pero nesta marea de baixadas e derrotas distingue unha excepción: a galega.

O que é un dos deputados con maior habilidade á hora de manexar os datos evita falar dun medre do PP de Feijóo en termos absolutos e mide ben a loubanza para obviar que os sufraxios recibidos polo seu partido caeron un 20% a respecto de 2009, cunha perda de 0,89 puntos porcentuais sobre o total de votos emitidos. "Galicia é a única comunidade autonóma na que se reforza a posición parlamentaria do goberno saínte", explica, en referencia á suma de tres escanos. Este é "un motivo de alegría e de responsabilidade" para o PP, xa que, interpreta, "esta circunstancia tan estraña no contexto electoral ten moito que ver co rigor, coa coherencia" e coa "seriedade" demostradas "tanto dende o Goberno como dende o Parlamento", conclúe.

Puy, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.