O PP presentou catro documentos nos que resume o estado das súas contas entre 2008 e 2011. As cifras facilitadas polo partido do Goberno son case imposibles de cruzar co groso dos apuntamentos presuntamente realizados por Luís Bárcenas. A listaxe atribuída ao extesoureiro popular conclúe en 2008, a documentación que agora ofrece Génova empeza xusto nesa data, polo que só hai un ano común.
Con respecto a 2008 os papeis de Bárcenas rexistran doazóns por importe de 1,1 millóns de euros e pagamentos por valor de 1,46. Na contabilidade oficial, como donativos, aparecen 1,38 millóns de euros recibidos en 2008. Cabe sinalar que a contabilidade oficial inclúe a contabilidade da organización a nivel nacional, incluíndo as distintas agrupacións do PP, mentres que os papeis de Bárcenas só reflicten os movementos que controlaba o extesoureiro.
Nin un só dos papeis fai referencia aos anos da suposta contabilidade 'b' de Bárcenas
O vicesecretario de estudos e programas do PP, Esteban González Pons, foi o encargado de anunciar a publicación dos documentos que cualificou como a proba de que o PP é un partido "saneado, decente, escrupuloso e moi trasparente". A decisión de publicar estes documentos está motivada polo escándalo Bárcenas pero nin un só dos papeis publicados fai referencia aos anos nos que Bárcenas realizou unha contabilización de presuntos sobresoldos á dirección do partido.
O PP gaña cartos
Dos datos ofrecidos despréndese que entre 2008 e 2011 o partido de Rajoy foi unha máquina de facer cartos. En 2008 tivo 10.151.092 euros máis de ingresos que de gastos; en 2009 o saldo positivo foi de 7.894.278 euros; en 2010 o PP gañou 8.206.302 e en 2011 os seus beneficios reducíronse aos 2.196.015 euros.
O PP logrou que, en metade da maior seca de crédito, os bancos lle concedesen case trinta millóns en créditos
Ademais, o PP tamén logrou que, en metade da maior seca de crédito que sufriu xamais o país, os bancos lle concedesen case trinta millóns de euros en conceptos de créditos en 2011, o ano no que Rajoy chegou ao poder. Un ano antes, no pasivo do PP apenas figuraban cinco millóns de euros nesta partida.
En 2008, coincidindo co comezo da crise financeira e coas eleccións xerais, o PP tiña concedidos préstamos por 10 millóns de euros, case un terzo do último dato coñecido. A pesar desta avultada actividade financeira, o PP logrou, en 2011, pagar menos por servizos bancarios que en 2008.
O 90% dos ingresos do PP procede de subvencións, mentres que as cotas dos seus afiliados apenas chegan ao 10% na maioría dos exercicios. En 2011, disparáronse as subvencións até os 120 millóns de euros. Destas, un 40% corresponden ás outorgadas con motivo das eleccións xerais. As coñecidas como subvencións electorais disparáronse un 84% en 2011 respecto da 2008. Isto débese a que en 2011 coincidiron no mesmo ano as eleccións autonómicas en trece comunidades cos comicios xerais. Nos demais exercicios feitos públicos pola organización estas partidas mantéñense estables.
2011, o ano dos despedimentos no PP
2011 foi, segundo as contas do PP, o ano dos despedimentos no partido de Rajoy. Segundo as contas, nese exercicio o partido do Goberno gastou máis de 170.000 euros en indemnizacións por despedimento. Con todo esta mesma semana o portavoz do PP Carlos Floriano argumentou a decisión de non despedir ao imputado Jesús Sepúlveda porque "o partido tería que indemnizalo".
A pesar deste gasto en indemnizacións, o PP mellorou nese ano o seu gasto en soldos até superar os 25 millóns de euros. En 2008, a partida de salarios só tiña un custo de 20 millóns de euros. Isto significa que, nos anos da crise, o PP incrementou nun 22% o seu gasto en nóminas.
Só en informes e estudos o PP gastou en 2011 case 3,5 millóns de euros
En xeral, todas as partidas, tanto nas liñas de gastos como de ingresos, na contabilidade de 2011 son moito máis avultadas que nos exercicios anteriores dispoñibles. Así, só en informes e estudos o Partido Popular gastou en 2011 case 3,5 millóns de euros. Catro anos antes, esta partida apenas levaba 1,4 millóns (menos da metade que en 2011).
A nómina dos consultores ou profesionais externos á casa tamén se disparou no último exercicio, cun gasto superior aos 4,8 millóns de euros, fronte aos 2,7 que pagaron en 2008.
O escándalo Bárcenas é a causa que empurrou os populares á publicación destes datos aínda non fiscalizados polo Tribunal de Contas. Mentres os populares ofrecen estas cifras o Goberno esgota o seu prazo para publicar a declaración da renda do Mariano Rajoy anunciada para esta semana.