Ana Pastor, ministra cando ocorreu o accidente, pedira un informe xurídico que agora di que non hai obstáculo para volver a debater a petición de PSOE e En Marea aínda que xa se analizase antes
A comisión de investigación política do accidente de Angrois que piden as vítimas superou este martes o seu primeiro trámite no Congreso dos Deputados unha semana despois de que fose bloqueado polo PP. A Mesa da Cámara deu o visto e prace á creación desa comisión agora cos únicos votos en contra dos membros do PP, entre eles Ana Pastor, que era ministra de Fomento cando sucedeu o sinistro no que faleceron 80 persoas.
A presidenta do Congreso conseguiu a semana pasada atrasar a petición de crear a comisión de investigación que levou o PSOE tras o seu cambio de posición xa que a rexeitaba no pasado. O argumento de Pastor, que foi aceptado por Ciudadanos e socialistas, era que os letrados da Cámara debían pronunciarse sobre a idoneidade de admitir a trámite dita solicitude, que xa fora rexeitada no pasado, cando a rexistrou En Marea. Os socialistas argumentaron que aceptaban pedir ese informe a cambio de impor como condición que non se demorase máis dunha semana.
Agora a seguidente decisión sobre a tramitación da iniciativa depende da Xunta de Portavoces, que terá que poñer data para que o Pleno do Congreso discuta e vote a creación desa comisión de investigación
Finalmente os letrados non atoparon obxección, segundo fontes da Mesa do Congreso, e iso fixo que os representantes de Ciudadanos se situasen a favor, xunto cos de PSOE e Unidos Podemos-En Marea, que tamén presentara a súa propia petición. Agora a seguinte decisión sobre a tramitación da iniciativa depende da Xunta de Portavoces, que terá que poñer data para que o Pleno do Congreso discuta e vote a creación desa comisión de investigación. Os socialistas están convencidos de que conseguirán que saia adiante xa que os de Albert Rivera avalaron a súa admisión a trámite e no pasado comprometéronse a apoiala ante as propias vítimas.
Non é o primeiro intento de investigar o accidente do Alvia no Congreso, sempre co PP en contra. Coa súa maioría absoluta, o PP conseguiu frear a proposta de BNG na penúltima lexislatura. Na anterior lexislatura, que durou apenas uns meses ante a falta de acordo para formar goberno, a Mesa do Congreso permitiu que o Pleno discutise a creación desa comisión de investigación que pediu daquela En Marea, pero PP e PSOE rexeitárona. Ao principio desta lexislatura, En Marea rexistrou de novo unha solicitude para crear unha comisión de investigación, pero non foi cualificada pola Mesa co argumento de que xa fora rexeitada meses antes.
A idea dos socialistas, como a de En Marea, é que tanto Pastor como José Blanco, responsable socialista de Fomento no momento no que se inaugurou a liña do tren sinistrado, teñan que pasar pola comisión.
O retorno de Pedro Sánchez á secretaría xeral do PSOE fixo variar a posición do partido neste asunto. A nova dirección decidiu rexistrar a comisión de investigación tras rexeitala no pasado. Odón Elorza, hoxe na Executiva de Sánchez, foi un dos deputados que máis pelexou por que levase a cabo. A idea dos socialistas, como a de En Marea, é que tanto Pastor como José Blanco, responsable socialista de Fomento no momento no que se inaugurou a liña do tren sinistrado, teñan que pasar pola comisión.