O PP quere axilizar a investidura e o orzamento de 2017, que xa non entrará en vigor ata iniciado o ano

Un intre da investidura de 2009, co Goberno bipartito aínda nas súas bancadas © Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia quedará constituído para a súa décima lexislatura o venres 21 de outubro ás once da mañá. Esa é a única data certa arestora dos pasos que quedan por diante antes de que Alberto Núñez Feijóo comece a exercer como presidente da Xunta por terceiro mandato consecutivo. Mentres, tanto el como o actual goberno galego exercerán en funcións, o que limita a súa capacidade de actuación incluso tras gañar os comicios con maioría absoluta. Cos orzamentos para o próximo ano como obxectivo prioritario, os populares din que tentarán axilizar ao máximo os prazos, malia que a as contas autonómicas sigan condicionadas polo bloqueo estatal que impide aprobar o teito de gasto que teñen que respectar as comunidades autónomas así como coñecer as transferencias estatais coas que contará Galicia.

Malia a maioría absoluta, o novo goberno non comezará a traballar ata iniciado novembro, co actual executivo en funcións limitado nas súas capacidades e coa incerteza do teito de gasto e as transferencias estatais que debe autorizar o Goberno central

Coa mente posta nos orzamentos de 2017, de entrada a celebración das eleccións autonómicas o 25 de setembro permitiría adiantar un mes os prazos a respecto das autonómicas de 2012. Daquela os comicios celebráranse o 21 de outubro e Feijóo tomou posesión como presidente o 1 de decembro, nomeando ao día seguinte ao seu goberno. Malia esa celeridade, os Orzamentos de 2013, logo da súa concreción pola Xunta e do seu debate parlamentario, non entraron en vigor ata o 1 de marzo dese mesmo ano, con dous meses xa transcorridos do exercicio. 

Desta volta, o que é seguro é que o venres 21 de outubro ás 11.00 horas os 75 novos deputados tomarán posesión dos seus escanos e elixirán o presidente do Parlamento, cargo ocupado ata o de agora polo popular Miguel Santalices, que foi reelixido deputado. A lei e o regulamento do Parlamento din o que ten que pasar despois: “A constitución do Parlamento será comunicada polo seu presidente a El Rei, ao Senado, ao presidente do Goberno e ao presidente en funcións da Xunta de Galicia" e "dentro do prazo dos quince días seguintes á celebración da sesión constitutiva, terá lugar a solemne sesión de apertura da lexislatura", isto é, antes do sábado 5 de novembro. De xeito paralelo, o presidente do Parlamento, "consultados os representantes designados polos partidos ou polos grupos políticos con representación parlamentaria, propoñerá de entre os membros do Parlamento un candidato á Presidencia da Xunta". Esa proposta "deberá formularse como máximo no termo de trinta días desde a constitución do Parlamento", isto é, antes do 20 de novembro. Ese prazo, o dun mes entre a constitución da Cámara e a proposta dun candidato á presidencia, é o que a maioría absoluta do PP lle facilita acurtar.

Unha vez que o presidente do Parlamento designe a Feijóo como candidato á investidura, fixaralle unha data e este “expoñerá, sen limitación de tempo, o programa político do Goberno que pretende formar, e solicitará a confianza da Cámara”. “Para ser elixido o candidato deberá en primeira votación obter maioría absoluta; de non obtela procederase a unha nova votación 24 horas despois”, engaden as prescricións. Logo, “se o Parlamento outorga a súa confianza ó candidato, o Presidente [da Cámara] comunicarao a El-Rei para o seu nomeamento, mediante Real Decreto que se publicará no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia”. A partir dese momento, un novo prazo que o PP quere acurtar: “O Presidente elixido tomará posesión do seu cargo dentro dos cinco días seguintes ó da publicación do seu nomeamento”. En todo caso, a cumplimentación de todos os procedementos legais e regulamentarios fará que o novo Goberno autonómico non poida comezar a exercer ata ben iniciado o mes de novembro.

Límites do goberno en funcións

O goberno en funcións non pode autorizar convenios, gastos superiores a 150.000 euros, modificar o seu cadro de persoal nin culminar a tramitación de ningún plan de ordenación territorial

Mentres iso non ocorre, o actual goberno en funcións traballará limitado. Á Lei 1/1983 reguladora da Xunta e da súa Presidencia engadiu este ano o propio PP a Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno, que concretou algunhas das súas limitacións. Ademais de non poder impulsar leis nin aprobar decretos que as desenvolvan, o goberno en funcións non pode aprobar convenios con outras administracións, nin autorizar gastos que non sexan correntes (impide as licitacións e adxudicacións por riba de 150.000 euros), nin aprobar convocatorias de persoal ou modificar a estrutura do seu cadro de persoal, nin culminar a tramitación de ningún plan de ordenación territorial.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.